Inicio

Curtidores vascofranceses no Lalín do século XIX

A CASA FÁBRICA DO ESPIÑO

Antonio Garra López

Na parroquia de Filgueira, moi preto do emprazamento do actual polígono empresarial, tivo o seu comezo hai case dous séculos, próxima no espazo e afastada no tempo, unha das iniciativas pioneiras da industria en Lalín: a fábrica de curtidos do lugar do Espiño. Este traballo é un achegamento á historia da fábrica, ao tempo que unha crónica familiar das persoas que a rexentaron e habitaron, no marco da emigración na procura de máis oportunidades e mellores condicións de vida.

Unha “nova” industria con protagonistas foráneos

A do curtido é unha das primeiras actividades desenvolvidas en Galicia cunha perspectiva industrial. Durante o último tercio do século XVIII, esta actividade, tradicionalmente levada a cabo vinculada a gremios e artesáns, comeza a realizarse en fábricas propiedade dun empresario nas que se realizan todos os procesos de produción e que contan para elo con persoal asalariado especializado. En pouco tempo o sector ten unha rápida expansión, medrando exponencialmente o número de iniciativas concentradas en torno a importantes polos de produción como Santiago de Compostela, Noia ou Allariz, pero tamén espalladas por todo o territorio galego.

Como factores que explican a implantación e o auxe desta “nova” industria en Galicia, -que durante boa parte do século XIX foi o principal centro produtor de coiros en España-, atópanse a abundancia no territorio das materias primas que se precisaban para a actividade:  a auga escasamente calcárea, os carballos cuxa casca proporcionaba as substancias curtintes e as peles procedentes da ampla cabana vacún local, ademais do doado acceso as “peles indias”, importadas de América a través do porto da Coruña primeiro e logo os de Vigo e Carril, o que garantía a dispoñibilidade e un prezo máis vantaxoso dese produto. O pulo da industria galega do curtido tivo tamén que ver con medidas administrativas incentivadoras desta manufactura, como as contidas no chamado “decreto de extranjería”, de 1779, e na Real Cédula de 1781.

Real Cédula de 1781

Protagonistas do desenvolvemento da industria do curtido en Galicia son os curtidores vascofranceses, que xa no seu inicio a finais do século XVIII comezan a chegar contratados como oficiais ou mestres de fábrica. É precisamente o “decreto de extranjería”, -que dificultaba o exercicio da actividade nos seus lugares de orixe ao penalizar establecendo impostos as importacións-, un dos motivos citados para explicar a chegada a Galicia dos vascofranceses, cos que por outra parte xa existía relación polas conexións comerciais entre o porto de Ferrol e o de Baiona. Chegarán a ser bo número, pois logo duns veñen outros, parentes, veciños e achegados, fillos de labradores, que optan pola emigración como unha oportunidade para progresar ou simplemente subsistir, condicionados por circunstancias como o sistema desigualitario de transmisión da herdanza familiar, a presión demográfica derivada da amplitude das familias e as crises agrarias. Moitas zonas de Galicia non eran alleas a esta mesma combinación de factores, derivando no mesmo resultado, pero para estes vascofranceses o noso territorio supón o lugar de destino e terra de posibles oportunidades, nun tempo no que os galegos comezarán a tomar o camiño da emigración cara destinos cada vez máis afastados.

Malia as reformas normativas que introduxeron os sucesivos gobernos revolucionarios franceses no sentido de establecer o reparto igualitario das herdanzas, en zonas como o país vasco francés, as familias seguían tratando de manter o tradicional sistema de herdeiro único a través de diversas estratexias encamiñadas a que o máximo posible do patrimonio troncal da casa familiar continuara recaendo nun só dos fillos, na procura da indivisibilidade da propiedade.  A elección realizada polos pais determinaba a sorte do herdeiro, que podía contar co recurso básico da economía agraria, a terra, a costa da sorte dos seus irmáns, que se vían privados dese medio de vida, quedándolles como alternativas a pouco doada posibilidade de casar cunha herdeira doutra casa, tratar de entrar no clero ou facer carreira militar, permanecer na casa familiar con escasas posibilidades de formar unha familia propia, ou emigrar a lugares máis ou menos afastados. Os excluídos eran compensados dalgún xeito, pero a través de dotes e lexitimas máis ben escasas, e mesmo acababan renunciando aos seus dereitos hereditarios por pequenas cantidades de cartos a instancia dos proxenitores, que exercían a súa autoridade, ou aceptando abandonar as súas localidades de orixe, seguindo o camiño tomado antes por outros parentes e veciños.

O dinamismo da industria galega do coiro durante o primeiro tercio do século XIX, co núcleo compostelán como motor destacado, xenera unha necesidade de man de obra asalariada que proporciona unha vía de saída a eses fillos excluídos da herdanza familiar, polo que Galicia será un dos seus destinos. Os primeiros curtidores vascofranceses terían chegado a Galicia en virtude dun oficio que xa tiñan e no que poderían ter dificultades para progresar no seu lugar de orixe, pero no seguinte eslabón da cadea migratoria, o factor determinante da chegada a Galicia non sería tanto o coñecemento ou o exercicio previo da profesión, como as relacións de  veciñanza e, sobre todo, as de parentesco. Os xa instalados apoiaban aos recén chegados, que da man deles tiñan doado contar cunha ocupación moitas veces seguramente xa apalabrada nas localidades de orixe, aínda que fora como simples aprendices, pois podían chegar sendo aínda rapaces, xunto con irmáns ou achegados. A iniciativa para viaxar podía partir persoalmente deles, pero era tamén un recurso que utilizaban as familias para resolver a cuestión da herdanza, e os propios pais instaban aos fillos a emigrar e tratar de facer vida fóra, financiando ás veces a viaxe e proporcionando un mínimo capital previo para ter ao chegar a destino como contraprestación por renunciar aos dereitos de herdanza, evitando así outros xeitos de compensación.

Levasseur, V.: Dèpartement des Basses Pyrènèes, 1852

En ocasións, os curtidores vascofranceses pasarán de asalariados a promotores das súas propias empresas, habitualmente asociándose entre eles ou arrendando fábricas que logo mercan, grazas ao capital obtido do rendemento do seu traballo, os préstamos dos seus familiares, de particulares e doutros empresarios do sector, as herdanzas ou as dotes das súas mulleres. Sobre as bases comúns do lugar de procedencia e a actividade á que se dedican, os curtidores vascofranceses insírense nun tecido de relacións persoais, familiares e profesionais que caracterizan e sustentan en boa medida moitas das iniciativas empresariais xurdidas no sector do curtido nesa época.

JUAN BAUTISTA E JUAN CADET HIRIGOYEN

Nos primeiros anos da década de 1830 está en funcionamento a fábrica de curtidos do Espiño, na parroquia dezana de Filgueira, rexentada por Juan Bautista e Juan Cadet Hirigoyen Larrondo. Procedentes da localidade labortana de Itxassou, -onde naceran na casa Etcherria en 1804 e 1810, fillos de Jean Hirigoyen e Marie Larronde-, Juan Bautista e Juan Cadet Hirigoyen forman parte do grupo de mestres e oficiais curtidores vascofranceses que se converten en empresarios.

A fundación da fábrica de Filgueira prodúcese cando está superada a primeira crise do curtido galego, que xurde tras a primeira metade dos anos vinte motivada polas dificultades no abastecemento e o encarecemento das peles americanas no primeiro momento tras a independencia das colonias, pola deflación derivada da progresiva escaseza de moeda e pola saturación do mercado cunha excesiva oferta do coiro producido no elevado número de iniciativas postas en marcha no sector. No contexto histórico, os primeiros tempos da industria dos Hirigoyen son os da primeira guerra carlista, que se deixou sentir con frecuentes escaramuzas na comarca de Deza.

Os irmáns Hirigoyen mercan os seus primeiros terreos en Filgueira en 1832 a un veciño do lugar de Fondo do Alle, José González Bodaño, que lles vende por setecentos oitenta e catro reais dúas parcelas cunha superficie de corenta e seis e vinte cuartillos no que denominan “Chousa do Espiño”, un vantaxoso emprazamento no que asentarán a fábrica, á beira do camiño real que de Santiago de Compostela leva a Ourense, entre o lugar da Laxe e a vila de Lalín, segundo consta na escritura de compravenda. Ese mesmo ano de 1832 Juan Bautista e Juan Cadet Hirigoyen constitúen unha sociedade mercantil para a produción e comercialización de curtidos, o que apunta o inicio da actividade da fábrica. Nos anos seguintes os Hirigoyen poderán ampliar a súa propiedade coa adquisición doutras leiras lindeiras aos veciños do lugar.

Ademais de Juan Bautista e Juan Cadet, en Galicia atópanse dous irmáns máis, Gregorio, que se establecerá como comerciante na Coruña grazas ao capital aportado polo seu irmán Juan Cadet para un negocio de quincalla, e Juan, -o maior dos catro-,  asentado finalmente en Ribadavia tras residir en Arnoia e que constituirá un nexo de unión entre as dúas familias propietarias da fábrica do Espiño. É posible que este irmán maior tivera tamén relación coa fábrica no seu comezo, pois é este Juan quen se sinala xunto a Juan Bautista como comprador nalgunhas das adquisicións iniciais que realizan en Filgueira. 

Juan Cadet Hirigoyen viaxa a Francia en 1841. Considerando a posibilidade de que non se produza o seu regreso polo aventurado da viaxe, Juan Cadet realiza unha cesión de herdanza en favor do seu irmán Juan Bautista. Neste documento explicita a titularidade da fábrica:

“… D. Juan Cadete Irigoien vecino de la Casa Fabrica del Espiño, y oriundo de San Fructuoso de Itsasou, Provincia de Vajos Pirineos Obispado de Bayona de Francia y Dijo: Que desde su tierna hedad se halla en España en compañía de su hermano Juan Baptista, en donde por su oficio y ejercicio de Fábrica pudieron haber conseguido aumento de sus intereses y fortuna, según y en la conformidad que se reconoce de la Casa que al efecto han construido en el punto del Espiño Parroquia de Filgueira, sin que sus demás hermanos tengan en ella parte alguna y tampoco compañía entre los dos … “

Vila de Lalín, 6 de xaneiro de 1841 (AHPP)

Ademais de designar nese documento ao seu irmán Juan Bautista como herdeiro da parte da compañía que lle corresponde en caso de producirse o seu falecemento, Juan Cadet establece tres legados consistentes en diversas cantidades de cartos para os seus pais e as súas irmás residentes en Itxassou e para unha veciña de Filgueira empregada daquela na fábrica como criada, Benita Negro. Nese intre, Benita era xa nai dos seus fillos Francisco e Perpetua, ademais de da súa filla Carmen, a maior, que acabaría sendo dona da fábrica de curtidos. Benita Negro casará en 1843 con Juan Hirigoyen, o maior dos irmáns, en Arnoia, onde este residía no lugar de Quinteiros, recoñecendo por fillos comúns os dous habidos antes do matrimonio.

En 1844 Juan Bautista Hirigoyen casa en Itxassou con Isabel Berrouet, tamén natural desa localidade, despois de enviuvar o ano anterior da súa primeira esposa, Luisa Aller, en Filgueira, segundo consta na acta francesa do matrimonio. Juan Bautista case duplica a idade da súa nova esposa, a quen escasamente podería coñecer; o matrimonio parece ter a aparencia de responder a un acordo familiar coa finalidade de garantir para Juan Bautista unha descendencia que ata a data non tivera. Isabel cambia a súa vida de costureira nunha pequena localidade do interior vascofrancés de carácter netamente rural e agrario, unha zona surcada polos camiños a Compostela, por unha pequena comunidade de similares características no interior galego, a un paso da confluencia de dúas das rutas a Santiago. Juan Bautista Hirigoyen ten con Isabel Berrouet aos seus catro fillos, Juan Bautista en 1845, Juan Benito en 1847, Concepción “Gracieusse” en 1849 e Joaquina Benita en 1850, todos eles nados en Filgueira e apadriñados polos seus tíos Juan Hirigoyen e Juan Cadet Hirigoyen.

Gorse, P.: Danse, Basses Pyrénèes

Coma no caso doutros curtidoiros asentados no rural, a fábrica dos Hirigoyen, de bo tamaño, non se diferenciaría en canto ás técnicas construtivas e materiais das edificacións da contorna, empregando cachotaría de granito nos muros e madeira nos pisos e todas as divisións interiores. O edificio, de planta angular e con baixo e un andar, constrúese xa cunha finalidade industrial e ten as súas dependencias distribuídas do xeito funcional característico, segundo as distintas fases do proceso de produción do coiro. Na planta baixa sitúase o muíño e o almacén de casca, a zona de lavadoiro, onde se preparaban as peles antes do proceso de curtido, e a zona da mudanza, onde se mergullaban durante meses na auga coa casca moída de carballo en dezaoito píos de cantaría e vinteún de madeira, entre os de asento e os de curtir. No primeiro andar, dedicado en parte a vivenda, atópanse a cociña, varios cuartos, un despacho, o secadoiro e a zona de zurraxe, onde se remata o coiro producido. No recinto da fábrica hai ademáis daquela outra casa, que serve de corte na planta baixa e almacén de herba na planta alta e ten ao seu carón un pendello para carros.

Como característica particular, a fábrica do Espiño incorporaba un muíño de casca movido con forza hidráulica, cando o habitual era que se recorrera á tracción animal. A existencia deste muíño obriga aos propietarios a ter que conveniar o uso da auga cos veciños, dado que nos períodos de escaseza o caudal, que discorría dende unha presa por canlóns de madeira cara a fábrica e os prados dos outros veciños, era insuficiente para mover o muíño. Este convenio de augas documenta a existencia do muíño hidráulico xa na primeira etapa da fábrica. As construcións no recinto da fábrica mudarán co tempo e o cambio de propietarios, pero o muíño movido coa forza da auga seguirá sendo o procedemento empregado para moer a casca de carballo, figurando na contribución industrial no século XX.

Casa fábrica do Espiño

Nun documento de 1848 recóllese tamén cómo chegaban os chamados “coiros indios” á parroquia de Filgueira. Logo da travesía transoceánica, quedaba aínda dificultades para que a carga chegara ao seu destino, pola complicada orografía e a falla de camiños con condicións mínimas para o tránsito rodado. As peles, conservadas cunha importante cantidade de sal que logo había que retirar para realizar o curtido, chegan nesa ocasión ao porto de Carril, sendo transportadas dende alí en catro carros por un veciño da parroquia de Bemil, en Caldas de Reis. A sorte non está de parte do carreteiro, pois un dos carros rompe, tendo que continuar o transportista cos outros tres e, cando volta para recuperar a carga do carro perdido, atópase, ao efectuar o traslado, con que lle é requisado o xénero, o carro e os bois á altura de Cuntis, o que suporá un importante prexuízo para el, que se ve comparecendo ante o Xulgado de Rendas de Pontevedra. Juan Bautista Hirigoyen adquire na poxa posterior os bois, o carro e as sesenta peles que levaba e o carreteiro vese cunha débeda de dous mil cincocentos reais co empresario.

A importación das peles americanas complementaba a abundante, pero insuficiente, oferta de peles procedentes do gando local, os chamados “coiros verdes”. Os empresarios do curtido trataban de optar ás concesións do monopolio do abastacemento de carne para asegurarse o fornecemento de peles de xeito máis doado e a un menor custo. No caso dos Hirigoyen, atópase constancia na documentación notarial de que Juan Bautista forma parte dunha sociedade para a subministración de carnes no banco público de Lalín xunto a dous vecinos da vila, Manuel Cuíña e a súa dona María Vigide. A participación de Juan Bautista nesta compañía tería que ver coa consecución da materia prima para a súa industria.

En 1849 falece Juan Bautista Hirigoyen, quedando á fronte da fábrica de curtidos a súa viúva, Isabel Berrouet, daquela aínda embarazada da súa filla Joaquina, ademais do seu irmán Juan Cadet. Para a xestión da fábrica, Juan Cadet Hirigoyen e Isabel Berrouet, en representación dos seus fillos e dela mesma, constitúen unha sociedade poucos días despois do pasamento de Juan Bautista Hirigoyen. A compañía constitúese cun capital de cento oitenta mil reais, existente en curtidos, peles, ferramentas, casca, bens, gando, mobles, casas e terras, así como en créditos contraídos a favor da fábrica. Dos cento oitenta mil reais establécese que  oitenta mil corresponden a Juan Cadet, que asume a dirección da fábrica e actuará como administrador, outros oitenta mil aos fillos de Juan Bautista Hirigoyen e vinte mil á súa nai, Isabel Berrouet.

A sociedade entre Isabel Berrouet e o seu cuñado Juan Cadet dura pouco máis dun ano, pois este falece a principios de 1851. Juan Cadet, atopándose xa enfermo, fai un primeiro testamento en Filgueira no día de Nadal de 1850, do que son testemuñas varios dos operarios que, segundo se indica, residen na fábrica. Non era inhabitual que os empregados, -que se dividían entre os traballadores que facían as tarefas máis duras de preparación das peles e os oficiais, que dominaban e se ocupaban propiamente do proceso de curtición e remata do coiro-, viviran xunto co empresario, que acostumaba asumir en moitas ocasións a función de mestre de fábrica. A vida familiar compartía espazo coa actividade fabril.

Os traballadores que asinan como testemuñas no primeiro testamento de Juan Cadet Hirigoyen son: Andrés Fariña, de Berres (A Estrada), Rafael Gómez, de Cello (Lalín), Pedro Celabeite, de Carballeda (Piñor de Cea) e o vascofrancés Juan Aguerre, irmán de Pedro Aguerre, que acabará rexentando a fábrica seis años despois. Juan e Pedro Aguerre procedían de Espelette, onde naceran en 1816 e 1821 na casa Etcheberria, fillos de Martin Daguerre e Marie Garat; como no caso da familia Hirigoyen Larronde, no da dos Aguerre Garat todos os fillos varóns emigran, quedando as súas irmás nas localidades de orixe, preto dos pais, que favorecen na herdanza a unha delas. Pedro Celabeite e o seu curmán Bernardo Celabeite, -outro dos traballadores da fábrica-, teñen tamén orixe vasca; a familia chegara á zona de Cea, asentándose na parroquia de Covas, onde tiña unha fábrica de curtidos Domingo Espino, arrendada en 1829 a Domingo Garra, ambos procedían da localidade tamén vascofrancesa de Hélette.

Poucos días despois de outorgar o primeiro testamento arriba referido, Juan Cadet Hirigoyen fai un segundo, esta vez en Santiago de Compostela, cidade na que indica atoparse residindo e a onde podería terse trasladado tal vez na procura dunha mellor atención médica. O segundo testamento non varía no substancial do anterior, posto que mantén aos seus sobriños -os catro fillos do seu irmán Juan Bautista- como herdeiros, pero beneficia tamén aos seus irmáns Gregorio e Juan, aos que condona as débedas que con el tiñan, e incorpora ademais a este último como testamenteiro. Nesta ocasión son testemuñas Pedro Miguel Maiz e os irmáns Eleicegui, José Ignacio e José Santiago. Os Eleicegui dirixían as fábricas fundadas no barrio do Carme de Santiago de Compostela polos seus sogros, o guipuscoano Bernardo Ituarte e o francés Beltrán Garra, de Ayherre, tralo matrimonio coas fillas, María Ituarte e María Garra. A relación entre eles semella vir de lonxe, na súa viaxe a Francia en 1841 Juan Cadet leva un poder de José Santiago Eleicegui e María Garra para cobrar una débeda en Ayherre e, en 1846, José Santiago apodera novamente a Juan Cadet para reclamar contra un veciño da parroquia de Chapa, en Silleda, por un asunto relativo ao fornecemento de casca. Juan Bautista e Juan Cadet Hirigoyen figuran ademais como debedores de María Garra e a súa nai, Inés Alvariño, en diversos momentos, ao igual que doutro empresario do curtido con fábrica á beira do río Sarela, Francisco Santaló. Todo elo apunta a unha rede de relacións persoais e comerciais que teñen como centro á que daquela é a capital estatal do curtido, Santiago de Compostela.

Juan Cadet Hirigoyen falecerá o 20 de xaneiro de 1851 dun “afogo repentino” consecuencia da hidropisía que padecía, segundo se recolle na acta de defunción, sendo soterrado dous días máis tarde no cemiterio xeral da cidade en San Domingos de Bonaval. Os seus testamenteiros, o irmán maior Juan Hirigoyen e Cayetano Froiz Senra, veciño de Filgueira, farán o inventario dos seus bens e, xunto a  Isabel Berrouet, realizan a liquidación de contas da compañía constituída tras a morte de Juan Bautista Hirigoyen, con capital nese momento de case cento noventa mil reais, que na súa meirande parte corresponde aos catro irmáns Hirigoyen Berrouet por herdanza do seu pai e o seu tío Juan Cadet. No inventario recóllese que, a 8 de febreiro de 1851, contabilizábanse nas dependencias da fábrica 979 coiros indios, 1.068 becerros e 441 badanas, un total de 2.488 unidades nas distintas fases do longo proceso de tratamento das peles e elaboración do coiro. Esta produción estaría orientada a atender á demanda local do produto, como semella deducirse da listaxe na que se recollen os nomes e procedencia dos debedores da fábrica, que maiormente serían zoqueiros e “mestres de obra prima”, zapateiros que facían calzado novo, que adoitaban levar ao fiado da fábrica os materiais que precisaban. O inventario de 1851 permite coñecer as instalacións da fábrica nese momento e facerse unha idea das súas dimensións.

  “ Reconocido el edificio principal de figura angular que por el lado de medio día tiene de largo por la parte exterior ciento y una cuartas y media, medidas desde el angulo agudo que forma en la esquina de poniente, sigue luego otro lienzo de pared que da al poniente y sirve al almacén de casca y molino y tiene de largo hasta la esquina del medio día setenta y tres cuartas: de esta a otra que está entre naciente y solano treinta cuartas, sigue luego otro lienzo de pared hasta el horno de ciento y una cuartas longitud. Medido el edificio por la parte que da al corral en todo el angulo obtuso que forma por aquella parte se le halla de largo ciento treinta y nuebe cuartas y media. El lienzo de pared que da al norte tiene de longitud cincuenta y dos cuartas y media, y el que da al poniente hasta el angulo agudo donde se ha empezado tiene ciento catorce cuartas. Reconocida la entrada del labadero, sitio de los pilos, almacén de la casca y molino con todos los utiles de este que son las oficinas de la planta vaja, la cocina, pasadizo, cuartos de la derecha y izquierda de este, secadero, zurraje, despacho y corredor que son las oficinas de la planta alta, con sus pisos, fayados y divisiones de madera, puertas, bentanas y herrajes que todo lo hallaron en estado de media vida. Reconocieron igualmente la entrada del corral cerrada con una cancilla y a su derecha una casa que sirve de cuadra en la planta vaja y almacén de yerba en la parte alta que tiene de largo ochenta y dos cuartas y de ancho treinta y siete con sus puertas, herrajes y techo, pegada a ella por el solano se halla un tinglado para carros que también han reconocido, y todo se halla en estado de media vida, que lleba de sembradura el sitio que ocupa el edificio un ferrado, seis cuartillos y tercio.”  
Descrición da fábrica en 1851

Ademáis da descrición da casa fábrica no seu aspecto estrutural, o inventario da conta tamén de cómo estaba equipada. A relación de mobles da vivenda apórtanos información sobre as condicións materiais de vida dos seus habitantes. Non hai concesión sao confort ou o luxo, o mobiliario é básico, utilitario e moi sinxelo, agás dous elementos: una cama de caoba e un armario para a roupa, un moble daquela moi inusual. O elevado número de leitos e a relación de roupa de cama é indicativo de que a casa aloxaba un amplo número de persoas: a familia dos patróns e tamén aos traballadores. A maioría dos dez leitos enumerados son citados como catres e os xergóns de estopa duplican aos de la.

O ano 1856 é un ano clave na traxectoria da fábrica de curtidos do Alle e na historia das familias vinculadas a ela. Isabel Berrouet, que permanecera á fronte da fábrica logo dos falecementos do seu marido e cuñado, toma a decisión de regresar a Francia xunto cos seus fillos. Isabel conta nese momento coa axuda do seu irmán Guillermo Berrouet, a quen xa en 1852 apoderara para preitear na defensa dos seus intereses; como encargado da fábrica atópase Pedro Aguerre Garat, nado en Espelette en 1821, fillo de Martin Daguerre e Marie Garat. A intención inicial da viúva de Juan Bautista Hirigoyen é vender a fábrica e con este fin pon diversos anuncios na prensa, pero finalmente non se produce a venda. A propiedade en venda supón unha unidade produtiva autosuficiente pois, ademáis da instalación industrial, incorpora terras de labranza, horta, pasto e monte destinadas ao autoabastecemento. Isabel Berrouet adquiriría aínda algúns deses terreos no breve período de tempo transcurrido entre a morte do seu cuñado Juan Cadet e a súa volta a Itxassou, do que se deduce que o negocio familiar continuaría indo ben nese breve tramo de tempo.

La Oliva, nº 39, 14 de xuño de 1856 (Galiciana)

Isabel Berrouet asina contrato de arrendamento da fábrica o trece de outubro de 1856 con Pedro Aguerre Garat e Pedro Molezún Lissarrague, natural de Hasparren e propietario dunha fábrica de curtidos e papel de fío en Anceis, no concello de Cambre. No contrato de arrendamento da fábrica establécese unha duración de dez anos e unha renda de cinco mil reais anuais, que Aguerre e Molezún satisfarán mancomunadamente durante os seis primeiros anos, sendo os catro restantes responsabilidade exclusiva de Pedro Aguerre, salvo que con Molezún acorde outra cousa. Determínase que a renda se faga efectiva en Santiago de Compostela na casa de Manuel Pérez Sáenz, o camerano que combinaba o comercio maiorista coa prestación de servizos de tipo bancario, como a negociación de letras de cambio en moeda extranxeira, grazas á experiencia, capital e contactos que obtén da súa actividade comercial. A industria do curtido é precisamente o principal sector no que desenvolve as súas operacións Manuel Pérez Sáenz, participando na importación de peles americanas a través de portos como os de Carril, Vilagarcía ou Cesures e proporcionando crédito comercial aos empresarios do coiro, polo que seguramente non sería a primeira vez que o seu nome aparece relacionado coa fábrica de Filgueira, en todo caso, non sería a última.  

Antes de retornar a Francia coa súa familia, Isabel Berrouet fai escritura de partilla cos seus catro fillos, actuando pola súa minoría de idade o seu tío materno Guillermo Berrouet como titor accidental destes. Guillermo Berrouet presta a Pedro Aguerre catorce mil reais para peles para curtir e vender, por seis anos a un interese do cinco por cento. Aguerre recibe tamén un amplo poder outorgado por Isabel Berrouet para xestionar todos os seus bens e asuntos en España. Isabel asentarase de novo en Itxassou xunto cos seus catro fillos, casando novamente en 1859 cun carpinteiro da súa localidade de orixe, Jean Oxandabaratz, na mesma igrexa de San Froitoso onde quince anos antes casara con Juan Bautista Hirigoyen. Isabel terá ao ano seguinte unha nova filla, Clothilde Oxandabaratz.

Saint Fructueux, Itxassou

Sen dúbida, Isabel Berrouet pasou por momentos complicados durante a súa estancia en Filgueira, pero cando volta a Francia en 1856 ela e os seus fillos contan cunha propiedade que lles proporciona unha renda e dispoñen ademáis en Itxassou da herdanza familiar dos Hirigoyen, pois Juan Bautista e Juan Cadet adquiriran os dereitos que dela correspondían ás súas irmás e se fixeran tamén cos dos seus irmáns residentes en España. Malia as dificultades, con seguridade Isabel atopou no Deza un medio físico e vital máis amable e próximo ao da súa localidade de orixe en canto a xeito de vida, costumes e referentes culturais que outras das súas conveciñas que emigraron a destinos rurais máis afastados, tamén para casar con compatriotas bastante máis maiores que lles aseguraban a mellora das súas condicións materiais, pero co custo de desenvolver a súa vida circunscrita únicamente ao marido e os fillos, en entornos illados e completamente alleos.

.
.
.

PEDRO AGUERRE E CARMEN SOMOZA

O mesmo día da sinatura do contrato de arrendamento da fábrica a Isabel Berrouet, Pedro Aguerre e Pedro Molezún constitúen a sociedade Aguerre e Compañía, coa finalidade de “curtir e despachar peles indias e terrestres de todas as clases que poidan proporcionarse”. O capital social da compañía é de oitenta mil reais, dos que Pedro Aguerre aporta trinta mil en peles e Pedro Molezún cincuenta mil, que entrega ao Aguerre. Do arrendamento, Pedro Molezún deberá abonar a Isabel Berrouet dous mil reais e Pedro Aguerre tres mil, -posto que este queda co produto das terras- e os beneficios e perdas da fábrica dividiranse á metade. Pedro Molezún seguirá en Anceis, Pedro Aguerre queda como administrador da sociedade e terá fixado un soldo de dez reais diarios por conta da compañía para facer fronte aos seus gastos particulares. Vinte días despois da constitución da nova compañía, o dous de novembro de 1856, Pedro Aguerre Garat contrae matrimonio con Carmen Somoza Negro.

Carmen Somoza Negro nace en 1832, sendo bautizada na Igrexa da Trindade de Ourense como filla natural de Benita Negro Salgado, nada no lugar do Fondo do Alle da parroquia de Filgueira en Lalín en 1802. Carmen é recoñecida como filla por José Somoza Mourenza, señor do pazo de Casanova en Santa Cruz de Arrabaldo, no que Benita Negro traballaba nese momento. José Somoza Mourenza xa enviuvara da súa primeira muller, Vicenta Puga, e casará pouco despois do nacemento de Carmen coa segunda, Rita Mosquera Guitián, con quen tivo posteriormente tres fillas, Julia, Florinda e Amalia Somoza Mosquera.

“ En el Lugar de la Iglesia de Santa Cruz de Arravaldo, a veinte y un días del mes de Junio, año de mil ochocientos treinta y dos: Antemi Escribano De S.M. Numº. Y testigos, parecieron presentes D. José Somoza viudo, dueño de la Casanueba en esta Parroquia, y Benita Negro soltera natural dela de San Tiso en Deza y criada sirviente del sobre dicho, los cuales juntos a una voz dijeron: Que en el estado de libres, y vencidos de la humana fragilidad tuvieron Copula y accesos carnales, de que resulto embarazada la Benita, y dado a luz una Niña, que Baptizada recién nacida en la Iglesia de la Sma. Trinidad de Orense, y en este corriente año, se le puso por nombre Carmen, cuia prole se está lactando por disposicion del D. José, y a sus espensas por medio de una nodriza en el Lugar de la Poboanza”.

Santa Cruz de Arrabaldo, 21 de xuño de 1832 (AHPOU)

Na acta de recoñecemento de filla que asinan José Somoza e Benita Negro pouco despois do seu nacemento, José dona a Benita e á súa filla Carmen a casa e bens herdados por él da súa nai, Josefa Mourenza, na parroquia de Abruciños, en Amoeiro (Ourense), coa indicación de que poderán tomar posesión deles tras o seu falecemento. Non sería difícil de entender a xenerosidade de José Somoza para coa súa filla natural Carmen, el mesmo viviu boa parte da súa infancia como fillo natural e foi lexitimado polo matrimonio posterior dos seus pais, que ten lugar en 1796 en Abruciños, co que pasou a ser herdeiro dos tres morgados que posuía o seu pai en Castroverde e Ferreira de Pallares, en Lugo, e Santa Cruz de Arrabaldo, en Ourense. Porén, malia que na acta de recoñecemento se citan razóns de conciencia, a donación de bens que realiza José Somoza respondería máis ben a unha motivación instrumental, a de evitar unha posible demanda de Benita Negro cando estaba a piques de contraer segundas nupcias con Rita Mosquera. Neste sentido, resulta significativo o que se refire na contestación á demanda por alimentos que Carmen Somoza interporá tras a morte de seu pai contra as súas medio irmás e Rita Mosquera:

“Es cierto en sus apariencias al menos, el reconocimiento y la fe de una hija natural habida por el D. José Somoza y una Benita Negro; pero también lo es que a los castos oídos de las señoritas mis representadas y de su buena madre, no llegó jamás la nueva de tan sensible acontecimiento, como lo prueba el matrimonio de la Dª Rita, que en sus condiciones notorias de origen y dignidad, difícilmente habría aceptado este enlace, propasando tan gran pesar a su corazón y al de sus inocentes hijas”.

Pazo de Casanova, Santa Cruz de Arrabaldo

José Somoza dota á pequena Carmen no momento do seu nacemento dun medio de vida a futuro co que a súa nai Benita non contaba. Tanto de Andrés Negro como de María Salgado, país de Benita, recolle o párroco de Filgueira a súa condición de pobres nas actas de defunción; no caso de Andrés indica expresamente que non fai testamento porque nada ten, pertencendo os escasos bens familiares á muller, que mellora ao fillo varón que tiveran en común sobre Benita e as súas irmás. O servicio doméstico era precisamente o recurso das fillas das familias máis humildes, o medio para subsistir e tratar de reunir unha mínima dote para un posible casamento, aínda que, polo exiguo das soldadas e o lastre que o propio exercicio desa ocupación supoñía para optar a unhas mellores condicións de vida, o traballo como criada acababa sendo moitas veces máis un xeito de vida permanente que unha situación transitoria. Benita ten trinta anos cando ten á súa filla Carmen, servindo na casa de José Somoza, e unha década máis tarde continúa como criada na casa dos Hirigoyen.

O ano 1856, en que Carmen Somoza Negro contrae matrimonio con Pedro Aguerre Garat tras arrendar a fábrica de curtidos a Isabel Berrouet, é tamén o ano en que morre o pai de Carmen, José Somoza. Carmen Somoza preiteará coas irmás Somoza Mosquera polo que entende lle corresponden do pai ante o Xulgado de Ourense, apoderando inicialmente para representala a Juan Hirigoyen, o maior dos irmáns de Itxassou, casado trece anos atrás coa súa nai, Benita Negro, e residente con ésta na vila de Ribadavia, onde terán unha casa na rúa da Porta da Vila, dedicándose á comercialización de curtidos.

Juan Hirigoyen conta para defender os intereses de Carmen Somoza con Bernardo Mª Pedrayo Andelo e Ramón Pedrayo Silva, -bisavó e avó maternos de Ramón Otero Pedrayo-, que presentan unha demanda plantexando que os bens de Abruciños donados por José Somoza non tiñan máis valor que oitocentos reais, lonxe do que lle correspondería a Carmen pola obriga do pai de prestar alimentos á súa filla natural tendo en conta as circunstancias e capital déste. Na demanda reclámase ás irmás Somoza Mosquera, como herdeiras de José Somoza, o que se lle debería en concepto de alimentos conforme a ese criterio. A interposición da demanda provoca una airada resposta de Antonio Blanco, curador das medio irmás de Carmen, que se apoia na descalificación persoal desta e a súa nai e pon de manifesto a posición de superioridade moral na que se situaban as clases privilexiadas. 

“Preciso es considerar la larga fecha de ese suceso, que data de principios del año de trinta y dos desde cuyo tiempo, aunque auténtico fuera, podría bien fallecido la hija natural de del D. José, ó existiendo, haber seguido las huellas de su madre y vivir desconocida y abandonada entre esa población flotante de mujeres prostituídas, alejadas afortunadamente de las personas de moralidad y más aún de las hijas de bendición, como las señoritas a las que represento. Además, ahora de próximo, he averiguado que la Benita Negro, abandonada a su fatal inspiración, tuvo, según de público se asegura, otros hijos e hijas de ilícito comercio, verdaderamente espúreos, que hoy dificultarían grandemente la originalidad de esa Carmen”.

O texto citado reflicte tamén a doble victimización á que estaban expostas as mulleres que, como Benita, exercían o servizo doméstico e se atopaban cos requerimentos sexuais dos seus patróns. Algúns autores (Dubert, 2017) expoñen cómo as criadas chegaban a instrumentalizar estas situación no seu beneficio, pero non se pode obviar o feito de que, aínda cando as relación foran consentidas por estas, tiñan lugar nunha situación marcadamente asimétrica pola distancia social, a xerarquía implícita na relación laboral e o xénero; non se podería falar, por elo, dun consentimento plenamente libre, aínda cando este consentimento pudera existir.

Os Pedrayo advirten da intención de interpor unha nova demanda por inxurias e calumnias e da posibilidade de que todo o asunto tivera unha publicidade non desexada, cando todo se podería solucionar de xeito discreto cun acordo entre partes. Finalmente, a demanda de Carmen Somoza contra as súas medio irmás resólvese cun acordo extraxudicial e Carmen Somoza Negro aporta ao capital da fábrica de curtidos os oito mil reais que finalmente percibe como resultado da súa reclamación e cinco mil reais adicionais que lle son doados por unha persoa que quere permanecer no anonimato, segundo consta na escritura pola que percibe os cartos.

“ … y el D. José González Ramos Dijo: que una persona que le ha prohibido rebelar su nombre, ha puesto en su poder la cantidad de cinco mil reales, encargándole particular y confidencialmente que las entregase a la Dª Carmen Somoza para que los llevase ella y los hijos que tuviese del D. Pedro Aguerre para siempre; … Que enconsequencia de este encargo confidencial hacía entrega de la mencionada cantidad a la Dª Carmen Somoza, quien lo contó y  recogió en monedas de oro … “

Vila de Lalín, 14 de xaneiro de 1857 (AHPP)

.

A sociedade de Pedro Aguerre e Pedro Molezún disólvese en agosto de 1857, polo que a súa duración non vai máis aló duns cantos meses. Na escritura de disolución da compañía faise unicamente referencia a que son “razóns particulares” as que a motivan, recolléndose que Pedro Aguerre correu cos negocios da compañía dende a data da súa constitución a gusto e satisfacción de ambos socios. Pedro Aguerre fai entrega a Pedro Molezún no momento da disolución da compañía dos cincuenta mil reais aportados por este ao capital social e de algo máis de trinta e dous mil reais adicionais, importe de peles indias que Molezún lle remitira a Aguerre. Pedro Molezún renuncia a todas as ganancias que puidera haber ata a data, quedando por conta de Pedro Aguerre cubrir todas as obrigacións que tivera a sociedade e o importe do arrendamento da fábrica a Isabel Berrouet e os seus fillos, abonado na casa de Menuel Pérez Sáenz, en Compostela.

Os cartos para facer fronte ao pago que realiza a Pedro Molezún obtenos Pedro Aguerre dun préstamo que recibe o día anterior de José Ulloa Pimentel, entón residente en Santiago de Compostela, pero que era oriúndo de Lalín e, ademais de alcalde da vila, fora deputado a Cortes e gobernador da provincia de Pontevedra. Pedro Aguerre obrígase a devolver os cincuenta mil reais prestados e os réditos dun oito por cento por ano no prazo de dous anos. Como fiador mancomunado para garantir a devolución do préstamo intervén José Ramón Lecheren, da parroquia de Rellas en Silleda e fillo do tamén vascofrancés Beltrán Legeren (Arbouet, 1783), quen á súa vez fundara a súa propia fábrica de curtidos nese lugar contra 1820.

.

Pedro Aguerre continúa pois coa actividade de produción e comercialización de coiros acompañado da súa muller, Carmen Somoza. O francés semella a esas alturas ben integrado na parroquia de Filgueira, participando nos asuntos da comunidade. En 1858 atopámolo outorgando, conxuntamente cun bo número dos veciños, un poder para preitear contra un campaneiro, por facerlles unha campá parroquial inútil.

Coma no caso dos Hirigoyen, existe tamén constancia documental da relación comercial continuada de Pedro Aguerre cun carniceiro para fornecerse de peles, aínda que neste caso sen constituir sociedade. Os cartos para a adquisición de reses que lle permiten manter ao carniceiro a súa actividade de abastecemento de carnes dende o lugar da Penela, en Donramiro, son adiantados de xeito habitual polo francés, que o financia a conta das peles que obtén logo.

No inicio da década de 1860 a fábrica atópase plenamente consolidada e medrando. A fábrica de curtidos de Lalín cítase, xunto ás de Vilagarcía, Pontevedra, Caldas, Ponteareas e Tuy, como unha das industrias destacadas da provincia de Pontevedra por Miguel Avellana no seu Prontuario de la colección de mapas especiales de España, publicado en 1861. A producción de coiros na fábrica de Filgueira e a de papel na parroquia tamén dezana de Rodís, de fundación algo posterior, motivan que a localidade de Lalín sexa unha das que Avellana incorpora no seu mapa industrial de 1860.

Avellana, M.: Mapa Industrial, 1860

O destino do coiro producido en Filgueira semella continuar sendo o ámbito local máis inmediato. Na relación de debedores que Carmen Somoza realiza tras falecer Pedro Aguerre a débeda de maior importe corresponde a un debedor de Monforte, pero o setenta por cento das cento setenta e tres débedas que aparecen relacionados son de veciños de distintas parroquias de Lalín e a práctica totalidade do trinta por cento restante corresponde a lugares dos concellos lindeiros polo leste e o sur: Agolada, Rodeiro, Dozón e O Irixo.

Lalín118O Irixo10
Rodeiro19Boborás1
Dozón12Antas de Ulla1
Agolada7Monforte2
Vila de CrucesNoia1
Silleda2  
Procedencia dos debedores da fábrica, 1865

En 1864 Isabel Berrouet acorda a venda da fábrica de curtidos a Pedro Aguerre. Para iso, Isabel non regresa a Galicia dende Francia, senón que apodera a Cayetano Froiz Senra. A venda establécese en noventa e dous mil reais, Pedro Aguerre fai entrega de vinte mil e acórdase que os setenta e dous mil restantes se entreguen nos seguintes sete anos, durante os cales Aguerre terá que satisfacer en cada un deles os réditos do cinco por cento desta última suma. Non se pode outorgar nese momento a escritura de compravenda porque Isabel Berrouet, malia ter autorización para realizala, non aporta o aval que se lle require como garantía para os seus fillos menores. Os vinte mil reais quedan a conta da venda a ter en conta cando se entregue a escritura.

Pedro Aguerre Garat e Carmen Somoza Negro teñen cinco fillos, Emilio (1857), Elisa (1859), Concepción (1861), Anunciación (1863) e Pedro (1865). Pedro Aguerre Garat falece de tifo poucos meses antes do nacemento do seu último fillo e Carmen Somoza queda, viúva e embarazada como no caso de Isabel Berrouet, á fronte da familia e a fábrica. Esta situación non é inusual, obrigadas polas circunstancias, as mulleres dos fabricantes de curtidos pasan a asumir directamente o rol de empresarias e son, en máis dun caso (María Dainciart, María Garra, Juana Broussain), as responsables do progreso das fábricas tras sacalas en ocasións de situacións complicadas. Carmen Somoza tería, polo tanto, un papel salientable como pioneira das mulleres empresarias da comarca de Deza.

No momento de seu pasamento, Pedro Aguerre ten con Carmen Somoza un patrimonio aproximado de douscentos mil reais, segundo consta no testamento que realizan pouco antes. No testamento explicítase tamén que, en ausencia de pai e nai, o titor e curador dos cinco fillos comúns sexa o seu tío Juan Aguerre, -que seguía en Filgueira vinculado á fábrica de curtidos-, e no seu defecto José Ramón Lecheren. O fabricante de Rellas xa apadriñara xunto á súa muller, María López, a algúns dos fillos de Pedro Aguerre e Carmen Somoza e será o que finalmente asuma o cometido encomendado, pois Juan Aguerre falecerá de varíola en 1870, só cinco anos despois que o seu irmán Pedro, deixando como herdeiros ao fillos deste.

No documento de partilla realizado en 1887 inclúese unha relación dos edificios que conformaban a fábrica en 1865, esta relación permite coñecer o que era a fábrica o ano da morte de Pedro Aguerre e as melloras realizadas por este respecto á construción dos Hirigoyen. Pedro Aguerre incrementa en catorce os píos de cantaría, que pasan a ser trinta e dous, e constrúe un gran almacén de casca no extremo do edificio que acolle o muíño e o almacén de casca antigo, facilmente identificable hoxe polo patín exterior de acceso. A necesidade deste gran almacén de casca é indicativa do incremento experimentado na produción, que fai preciso dispor dunha maior cantidade dese produto e aumentar o número de píos. Así, se no inventario de 1851 figuraban unhas existencias de 4.800 arrobas de casca, en 1865 contabilízanse 7.453 e, fronte ás 2.488 unidades de coiro en distintas fases de produción existentes á morte de Juan Cadet Hirigoyen, son 4.103 as contabilizadas á morte de Pedro Aguerre. A lista de edificacións incorpora ademais unha dedicada especificamente a lavadoiro e outra a zurraxe. No periodo de viudez de Carmen construiráse a casa do forno e un pequeño cuberto anexo e o portal principal da fábrica.

– El almacén de la casca y molino antiguo radicante en el terreno del referido párrafo tercero  (terreno de la era, patio anejo y fondo de edificios primitivos y de primeras y segundas nupcias) – El almacén mayor de la casca y su patín construído en primeras nupcias en el expresado terreno del párrafo tercero (terreno de la era, patio anejo y fondo de edificios primitivos y de primeras y segundas nupcias)  … – Las cuadras … – La parte de casa antigua que contiene en su parte alta el secadero y algunas habitaciones, y en la baja toda la mudanza con inclusión de 8 asientos, diez noques de curtidos y dos lecheras, de cantería; más diez y siete noques de curtidos, cuatro asientos y dos lecheras, de madera; unos y otros antiguos, radicantes en el terreno del párrafo cuarto (fondo de las casas, nueva y antigua, patio intermedio) … -Los catorce noques de cantería construidos en primeras nupcias, en la mudanza que se refiere en el anterior párrafo … – El martillo de la casa antigua que se estiende al norte del expresado en el penúltimo párrafo, considerado por su estado primitivo … – La casa labadero incluso dos caninas, dos remojos y cuatro caleros de cantería que contiene … – Y la casa del zurrage aumentada en primeras y segundas nupcias, radicante como la anterior en el terreno del párrafo cuarto (fondo de las casas, nueva y antigua, patio intermedio) … ” 
Descrición das instalacións da fábrica en 1865
Fábrica de curtidos do Espiño

Respecto do equipamento da casa, non se atopan diferencias en canto ao mobiliario relacionado no inventario realizado en 1851, á morte de Juan Cadet Hirigoyen. Alí seguen o armario roupeiro, a cama de caoba e unha cama nova de madeira do Brasil destinada a leito conxugal, pero o resto dos mobles son os previamente existentes, básicos, austeros e funcionais, os mesmos que se podían atopar nunha casa labrega. Na relación de leitos indícase que dous son para as criadas e tres para os oficiais da fábrica, o que apunta a que serían un mínimo de cinco os empregados que residían coa familia. Porén, hai no inventario referido a 1865 un aspecto que sí contrasta co realizado en 1851: o número de elementos téxtiles increméntase notablemente, de xeito que, para o mesmo número de leitos, atópase un número moito maior de sabas, fundas de almofada ou sobrecamas, apuntando unha mellora nas condicións hixiénicas dos residentes na casa fábrica. A relación de pezas de menaxe de cociña é igualmente extensa,

Carmen Somoza outorgará en 1866 un amplo poder a Cayetano Froiz para que exerza como administrador dos bens, rendas e intereses dela e dos fillos habidos no matrimonio con Pedro Aguerre, sen limitación algunha, agás a de allear. En virtude deste poder, Cayetano Froiz ocuparíase da xestión da empresa, dividíndose a dirección que aglutinaba Pedro Aguerre entre un director administrativo, papel que asumiría Cayetano, e un director técnico, o mestre de fábrica, responsable da dirección dos traballos que se desenvolvían na instalación fabril. Nese mesmo ano de 1866 atópase xa en Filgueira Francisco Garra, pois aparece asinando como testemuña nalgunha escritura notarial.

.
.
.

CARMEN SOMOZA E FRANCISCO GARRA

Francisco Antonio Garra Olañeta nace en 1839 en Ponteareas, onde se asentaran os seus pais, Juan Garra Arriaga e Antonia Olañeta Bascarán. Francisco Garra pertence a unha segunda xeración de curtidores franceses en España. Os pais de Francisco son vascos, de ambos lados da fronteira. O seu pai, Juan Garra, fillo de Jacques Salagoiti-Garra e Marie Harriague, nacera na casa Lartegi de Hélette, localidade do territorio histórico da Baixa Navarra tamén próxima ao Itxassou dos irmáns Hirigoyen e ao Espelette dos Aguerre, todas elas na contorna do tradicional núcleo da industria curtidora de Hasparren. A procedencia da familia da nai de Francisco Garra era guipuscoana, concretamente de Eibar, na denominada “zona armeira”, aínda que ela nace en Oviedo coincidindo co traslado de moitas familias vascas desa zona a Asturias polo establecemento da industria de armas en 1794 para afastala da fronteira francesa.

Casa natal de Juan Garra (Lartegia, Hélette)

Os pais de Francisco Garra, Juan Garra e Antonia Olañeta, atópanse en Galicia no inicio da década de 1820 e, como acontece con moitos outros curtidores, pasan por diversas localidades antes de asentarse definitivamente en Ponteareas. O seu matrimonio ten lugar en 1922 na igrexa de San Bartolomé de Pontevedra, cidade na que daquela estaba Juan Garra e na que Antonia Olañeta residía co seu irmán Andrés e cos pais, que posiblemente terían chegado da man da colonia asturiana, moi presente na actividade comercial que se desenvolvía na cidade. En Pontevedra dedicábase á fabricación de curtidos Pedro Garra, na cidade dende 1814 e testemuña do casamento de Juan e Antonia, que tiña a súa fábrica instalada nun almacén inicialmente alugado a Agustín Suárez de Cobián e a viúva de Pedro Pla na zona do Berrón, fóra da muralla á beira do río Lérez, e que lle abriría paso a algúns dos seus sobriños de Hélette. Pedro Garra estaría asociado durante un tempo con Bernardo Echeverría, natural coma él da mesma localidade de Hélette, que lle compraría a fábrica e acabaría sendo o empresario máis importante do curtido pontevedrés.

A primeira filla de Juan Garra e Antonia Olañeta, chamada tamén Antonia, nace en Ourense en 1829, pero a década de 1830 o matrimonio pásao case integramente en Santiago de Compostela, probablemente traballando na fábrica de curtidos da viúva e fillos de Beltrán Garra, que apadriñan aos seus fillos alí nados: Juan Bautista e María Garra Alvariño a Juan Bautista Garra Olañeta en 1831 e Bernardo e, de novo, María Garra Alvariño a Bernardo Garra Olañeta en 1835, que falecerá dous anos despois tamén en Santiago. En 1838 atopamos a Juan Garra xa en Ponteareas, outorgando a un conveciño de Helette que volta ao seu lugar de orixe un poder para que o represente en todo o relativo aos dereitos de herdanza do seu pai “Garra y Lartey”, término este último que fai referencia á casa familiar. En Ponteareas, Juan Garra e Antonia Olañeta traballan na fábrica de curtidos que Juan Caballero Pacheco ten no lugar da Castiñeira da parroquia de Angoares, da que se fai cargo ao seu pasamento en 1844 o seu irmán Ignacio Caballero Pacheco.

En Angoares nacen os dous últimos fillos de Juan Garra e Antonia Olañeta: Francisco e Manuel Garra Olañeta, en 1839 e 1845. Francisco levará o nome do seu padriño, Francisco Juanatey, tamén traballador da fábrica dos Caballero Pacheco e fillo de Beltrán Juanatey, curtidor en Santa María de Obre (Noia) e procedente da localidade vascofrancesa de Isturits. Juan Garra e Antonia Olañeta coinciden tamén na industria dos Caballero con Martín Echegaray Echeverry e a súa muller Manuela Rivas, cos que emparentan pola vía dos matrimonios dos fillos destes, Manuel e Juan Echegaray Rivas, coa súa filla Antonia e unha sobriña, Peregrina Olañeta Iglesias. Martín Echegaray, de orixe navarra, chega a Ponteareas logo de traballar na fábrica de curtidos que o industrial vigués de ascendencia cántabra Manuel Bárcena Bustillo tiña en Santa Cristina de Lavadores e, dende a metade da década de 1840, rexentará a súa propia industria na parroquia de Atios, no Porriño, con capital aportado en parte polo seu consogro José Benito Figueiras.

Francisco Garra Olañeta tería chegado a Filgueira dende Ponteareas tras a morte de Pedro Aguerre para traballar como oficial ou mestre de fábrica. Francisco levaba anos de profesión, na certificación de cidadanía francesa que tramita recén cumpridos os dezaoito anos no Consulado de Francia na Coruña, coa finalidade de obter a exención de quintas, figura xa coa ocupación de curtidor. Francisco Garra, ó igual que o seu irmán Juan Bautista, comezaría traballando para Ignacio Caballero Pacheco e o seu fillo Juan Caballero Ruiz. Juan Bautista Garra Olañeta acabará sendo propietario de dúas fábricas de curtidos na vila do Tea.

Cidadanía francesa de Francisco Garra, 29 de outubro de 1857  (Documento familiar)

En agosto de 1868 Carmen Somoza ten o seu primeiro fillo con Francisco Garra, Wenceslao Valentín, que de maneira casual ou planificada nace en Santiago de Compostela. Wenceslao é bautizado como fillo natural de Carmen Somoza pero, de xeito inmediato, é recoñecido por Francisco Garra, que entón se atopaba traballando para ela na fábrica de curtidos. A relación de Carmen Somoza e Francisco Garra podería estar ao nacemento de Wenceslao relativamente consolidada, posto que ambos xa apadriñan conxuntamente a unha sobriña de Francisco, Carmen Garra Castellanzuelo, en Ponteareas un ano antes, no verán de 1867.

O casamento de Carmen Somoza e Francisco Garra demórase aínda un ano dende o nacemento do primeiro fillo en común, tendo lugar o Día do Apóstolo do Ano Santo de 1869, unha data destacada para un matrimonio que semella discreto, ten lugar na capela do Pazo Arcebispal de Santiago de Compostela, con autorización especial do bispo de Lugo, José de los Ríos, a dispensa das tres monicións canónicas e dous criados do Arcebispado exercendo como testemuñas. Francisco Garra aporta ao capital da empresa familiar oito mil reais procedentes da venda da herdanza dos seus pais, falecidos en Ponteareas en 1858 e 1865, e outros oito mil douscentos corenta reais de aforros do seu soldo que deixa na fábrica, segundo consta nos balances da época. En 1870 nace o segundo fillo, Edelmiro Perfecto, que é apadriñado polos seus tíos maternos Francisco e Perpetua Hirigoyen Negro e logo morrerá. En 1872 nace o terceiro, que recibe o nome de Amado Eliseo e a quen apadriñan a súa irmá maior Elisa Aguerre Somoza e Cayetano Froiz Senra.

Francisco A. Garra Olañeta, 1839-1885  (Fotografía familiar)

É precisamente a Cayetano Froiz a quen Isabel Berrouet apodera de novo en Itxassou xunto aos seus fillos, xa maiores de idade, para o cobro do pago que Carmen Somoza e Francisco Garra fan a esta e que supón a adquisición definitiva da fábrica de curtidos en 1873. O pago realízase a través dunha letra de cambio xestionada en Compostela pola casa de banca do rioxano Manuel Pérez Sáenz e na que tamén interveñen os irmáns Harguindey Broussain, os empresarios máis salientables do curtido compostelán, parentes afastados de Francisco Garra por liña da avóa paterna daqueles, Marie Garra, natural de Hélette. A Isabel Berrouet abónanselle dezaoito mil pesetas, os setenta dous mil reais restantes do pago comprometido en 1864. Segundo a escritura de compravenda, a propiedade vendida ten cento sesenta e dous ferrados, case nove hectáreas delimitadas polo camiño vello de Santiago a Ourense, os daquela chamados rego de Canabal e río das Meás e un terreo de monte xa adquirido por Pedro Aguerre. Indícase que a propiedade está sen asegurar, Francisco Garra contratará unha póliza de incendio por douscentos corenta mil reais na compañía de seguros El Fénix Español.

Ao longo de toda a historia da fábrica, Cayetano Froiz, provedor de tabacos, aparece en numerosos momentos como un ganduxo de todas as épocas. Cayetano semella ser o home de confianza xa dende o comezo cos irmáns  Hirigoyen, figurando como testamenteiro, testemuña ou apoderado nos documentos notariais, como padriño dos nenos nados na fábrica ou designado como un  posible titor destes.

Carmen Garra Somoza, última filla común de Francisco Garra e Carmen Somoza, nace en 1874. A Carmen apadríñana os seus tíos paternos, Juan Bautista Garra Olañeta e Francisca Castellanzuelo Alfaya, que acabarán converténdose nos seus sogros polo seu matrimonio co seu curmán Juan Garra Castellanzuelo, fillo destes. A relación de Francisco Garra e o seu irmán Juan Bautista parece ser estreita e sostida no tempo. Francisco Garra e Carmen Somoza apadriñan a varios dos numerosos fillos de Juan Bautista, entre eles a Amado Eliseo Garra Castellanzuelo en 1873, -que recibe o nome do terceiro dos seus fillos-, e Emilio Garra Castellanzuelo en 1876. Amado e Emilio Garra Castellanzuelo serán logo salientables líderes do movemento agrarista e alcaldes de Vigo e Ponteareas, respectivamente, por un breve período de tempo. Juan Bautista Garra teríase feito cargo temporalmente do seu sobriño Amado Garra Somoza en vida do pai, probablemente tras o falecemento da nai, pois hai constancia de que seu tío lle puxo escola en Ponteareas.

Familia de Juan Bautista Garra Olañeta (José H. Suárez Garra)

En 1880, dous anos despois do pasamento do fillo primoxénito, Emilio Aguerre Somoza, con vinteún anos, prodúcese o falecemento de Carmen Somoza. Contará nos seus funerais con trinta e un sacerdotes e a asistencia da Irmandade de Donsión, un dato anecdótico que é ilustrativo do proceso de mobilidade social de Carmen, nada nunhas circunstancias que non semellaban apuntar que fora ter moitas oportunidades.

No momento do pasamento de Carmen Somoza estaba rematada a construción da casa nova emprazada diante da fábrica e a capela anexa. Francisco Garra e Carmen Somoza acordaran un ano antes o proxecto de fundación da capela, baixo a advocación da Virxe do Carme e co obxecto de “poder en ella asistir al Santo Sacrifio de la Misa que se celebrare y visitar los altares en los días de indulgencia”. En resposta á solicitude que presentan o cinco de xullo de 1879 na diócese de Lugo, na que argumentan o lonxe que lles queda a igrexa parroquial, o bispo accede á súa petición, construíndose a capela na ubicación e coa forma e dimensións que determina o arcipreste. A capela constrúese como un edificio exento, pero separado só lixeiramente da vivenda, ubicado á súa dereita e tiña o mesmo fondo que ésta e de ancho pouco máis dun terzo da súa fachada, contando cunha superficie total duns noventa metros cadrados; tiña unha tribuna, reservada á familia, e estaba rematada cunha alta espadana, hoxe conservada no xardín da propiedade.

Espadana da capela (Daniel Glez. Alén)

No decreto que outorga a Francisco Garra e Carme Somoza a “gracia” da fundación da capela establécese una renda de cen reais anuais para o seu sostemento e o culto. Para responder a esta obriga, Francisco Garra hipoteca en agosto de 1880 a renda de doce ferrados de centeo, tras o cal solicita ao bispo a licencia para bendecir a capela, de xeito que se poida iniciar nela a celebración do culto para a familia, os operarios da fábrica e demáis persoas que quixeran acudir, e ao que Carmen Somoza xa non asistirá. A hipoteca da renda dos doce ferrados de centeo constitúese “a prexuizo de terceiros e por tempo ilimitado”, isto responde ao carácter perpetuo da fundación das capelanías. Cando máis adiante se transmita a propiedade da capela, se trasmitirá tamén a carga, dado que os bens a ela adscritos non se poden enaxenar.

A casa nova da fábrica foi desvirtuada no seu aspecto orixinal tras a reforma do edificio a finais do pasado século XX pola supresión da gran galería de madeira do tellado e a capela. A casa da fábrica de Juan Bautista Garra en Ponteareas, hoxe museo e biblioteca municipal, resultaba tamén inicialmente bastante similar na súa fasquía, aínda que a do Espiño conta cunha distribución máis harmónica dos vans, na liña da vivenda dos propietarios da fábrica compostelana de Casas do Rego.

Casa nova da fábrica do Espiño

A casa nova coa capela é o reflexo da posición social acadada polos propietarios, que da condición de traballador progresan á de empresario, as dúas clases sociais que trae a industria, mudando as formas de organización social tradicionais. A relación do equipamento interior da casa e da roupa e efectos persoais de Carmen Somoza e Francisco Garra, recollida no documento de partilla de 1887, ilustran tamén isto mesmo e confrontan a vida do empresariado coa precariedade dos traballadores asalariados.

Tendo en conta o momento no que se constrúe, o ano 1879, e o medio rural no que se asenta, o edificio da casa nova tería que constrastar fortemente entre as construcións da contorna. O deseño da nova residencia de Francisco Garra e Carmen Somoza non ten ningún punto de conexión coas características tradicionais da vivenda rural galega, que sí se apreciaban na casa fábrica dos Hirigoyen. A primeira impresión que transmite a casa é racionalidade e orde. Cunhas dimensións de dezanove metros de fachada e trece metros de fondo, o novo edificio conta nos douscentos corenta metros cadrados que ten en cada andar, íntegramente dedicados a vivenda, o espazo suficiente para acoller un bo número de estancias. Destaca o número e amplitude dos vans, que se abren aos catro puntos cardinais e, no caso da fachada principal, ocupan unha ampla superficie, con ventas na planta baixa e toda una ringleira de balcóns na parte alta, buscando optimizar a luminosidade e facilitar a circulación do aire ata no nivel do baixo cuberta. A vivenda proxéctase ao exterior, non é unha vivenda pechada e replegada sobre sí mesma, é unha vivenda para mostrarse. Non estamos ante unha vivenda que se corresponda co rural galego, estamos ante a nova tipoloxía da casa burguesa que, seguindo os criterios de amplitude, diversificación funcional das estancias, luz ou ventilación, pretende transmitir “modernidade”, un valor clave na construcción da nova identidade burguesa, que semellan perseguir os propietarios.

Aspecto orixinal da casa coa capela (Davida)

O contido da casa está tamén en consonancia co que se espera da nova vivenda burguesa. A extensa listaxe de obxectos relacionados no inventario son indicativos de algo máis que do estaus socioecómico e o poder adquisitivo da familia, poñen de manifesto cómo esta se ve e entende. As decisións que toman e as eleccións querealizan respecto das cousas que incorporan ao seu domicilio están orientadas non só por cuestión utilitarias, entra en xogo un novo criterio respecto ao que observábamos nos períodos anteriores: o de amosar a súa nova identidade como integrantes da pequena burguesía industrial.

     …, una caja de música, un lavabo con tapa de mármol, una consola con tapa de mármol, un sofá cubierto de seda, dos sillones y doce sillas cubiertas de damasco verde, dos espejos de medio cuerpo, una mesa de castaño y cerezo que estuvo en el despacho, otra mesa de castaño con dos cajones, una mesa velador, …, una docena de cubiertos de plata, setenta y dos platos de canto dorado, un salero de plata, una docena de cubiertos de platina, …   
…, seis chambras, seis faldas, un vestido de seda negro, otro de granadina, otro de seda castaño, otro del mismo color de estameña, otro de merino también de color castaño, otro vestido de lana verde, un gabán de astracán, seis pañuelos de corbata, seis pañuelos de seda, tres mantones de lana, otro pañuelo mantón de seda, un chal de lana, dos mantillas, cuatro pares de botines, …   
…, un reloj de oro, otro reloj de plata, otro reloj de Dublé, un anillo de oro, un traje de mezclilla completo, otro traje aplomado, otro traje negro, dos chalecos, uno de color y otro de terciopelo negro, una chaqueta de astracán, un gabán de abrigo, otro gabán de chinchilla azul, una capa de paño castaño, una esclavina azul forrada de tartán, una chaqueta y un chaleco de paño castaño, dos sombreros, dos pares de botines de becerro, una maleta de viaje forrada de lona, …  
Mobiliario da casa, roupa e efectos persoais de Carmen Somoza e Francisco Garra

Se as condicións materiais nas que se desenvolvía a vida familiar dos Hirigoyen semellaban permanecer apegadas ao entorno rural no que tiña lugar, o medio material no que se desenvolve a vida cotiá da familia Garra Somoza ten máis que ver co dun acomodado comerciante do ámbito urbano, ao que pretende asimilarse. O contido da casa contrasta de xeito manifesto co que se recollía no inventario de 1851, ademáis de no longo número de obxectos relacionados, nas características particulares destes. Hai unha maior diversidade de mobiliario, que vai máis alá das pezas básicas, e este mobiliario é de maior calidade. Atopamos concesións á comodidade e ao luxo, aparecen os mobles tapizados e un dos obxectos que aparecen tasados como de maior valor é algo superfluo: unha caixa de música. É significativo o feito de que, si anteriormente as contadas pezas de valor (o armario roupeiro e as dúas camas de madeira de importación) se atopaban no espazo privado e máis íntimo dos cuartos, agora os mobles e obxectos de valor, nos que se realiza una forte inversión, concéntranse no espazo “público” da vivenda. De novo nos atopamos ante a motivación de mostrar e mostrarse.

Un último apuntamento anecdótico lévanos de novo a esa vida burguesa: Elisa Aguerre Somoza aparece citada como acertante dunha adiviña nun número de 1880 de  “El Correo de la Moda”, un achado casual que conta máis do que podería parecer. Na casa do Espiño entraba a prensa de entretemento e existía un tempo de lecer que dedicarlle, pero esa prensa era máis que entretemento. Escrita por e para mulleres, “El Correo de la Moda”, como outras publicacións das súas características, ademáis de entreter, tiña a finalidade explícita de instruir e facíao dende unha orientación conservadora. Este tipo de publicacións moldeaba os gustos, as actitudes, os comportamentos e os valores que conforman a nova cultura burguesa, aglutinando e homoxeneizando aos que se consideraban, ou aspiraban a ser considerados, partícipes dela. Nos obxectos que adquire e dos que se rodea a familia do Espiño vemos cómo se fai partícipe da moderna sociedade de consumo, característica e por tanto identificativa das aínda non moi amplas clases medias, nun afán de distanciarse do medio rural no que se desenvolve a súa vida cotiá.

El Correo de la moda, 1880, nº 17 (Hemeroteca BNE)

No período do matrimonio de Carmen Somoza e Francisco Garra realízanse tamén algunhas melloras nas instalacións da fábrica. Constrúese outro almacén de casca de menor tamaño que o xa existente, unha canle de cantaría para conducir a auga á zona da mudanza dende as inmediacións da estrada de Santiago a Ourense, outra canle para conducir as augas ao lavadoiro, un secadoiro de carnaza, un hórreo de cantaría e madeira, cortes, muros que pechan perimetralmente o recinto e arranxos menores, como os ferros que a modo de reixa aínda se observan hoxe nas fiestras do que foi o secadoiro.

A casa fábrica dos Hirigoyen, que aglutinaba baixo o mesmo teito dunha edificación única todas as instalacións que se precisaban para o exercicio da actividade curtidora e era á vez vivenda familiar e residencia dos empregados, é agora un conxunto de diversas edificacións en torno a dous patios que inclúen boa parte do edificio orixinal, varias construcións independentes destinadas a acoller  as necesidades e traballos específicos do proceso produtivo e a casa dos empresarios, con finalidade únicamente residencial, separando así a vida familiar da actividade fabril e remarcando o status social dos propietarios.

En 1881 Francisco Garra, por si mesmo e en representación dos seus fillos, e os irmáns Aguerre Somoza, asistidos de José Ramón Lecheren Mariño como curador, constitúen a sociedade Garra e Herdeiros de Aguerre e Somoza, consignando os capitais de cada un para continuar conxuntamente coa empresa familiar, nese momento próspera e cuxa actividade tería que cesar se se separasen os capitais, como ben se explicita no documento de constitución da compañía.

“Todos los comparecientes manifiestan que desde hace tiempo vienen dedicando en común gran parte de su capital a la industria de tenería en la fábrica al efecto establecida en este lugar del Espiño, sin que hasta la fecha hubiesen formalizado escritura alguna o compañía, ajustando cuentas y dividiendo y acumulando las ganancias, basándose únicamente en la buena fe. Más sin que ésta se hubiese intibiado lo más mínimo por no haber motivo alguno para ello, quieren no obstante consignar fehacientemente los capitales respectivos de cada cual y constituir a medio de este documento público la oportuna compañía o sociedad para proseguir en común como hasta aquí con la indicada industria de tenería.”

Filgueira, 22 de xuño de 1881 (AHPP)

Para a produción dos coiros necesitábanse peles, auga, casca e tempo. O factor temporal era tan fundamental como as materias primas e todo ese tempo que se requería para a obtención dun produto coa calidade precisa supoñía un forte investimento de capital que permanecía inmovilizado durante meses. Pero as necesidades de capital non se atopaban únicamente no momento do propio proceso de elaboración do curtido, pois cumpría seguir adquirindo as materias primas para continuar a actividade produtiva e estaba ademáis o que suponía o produto xa elaborado existente na fábrica. De ahí que a separación de capitais supuxera un importante risco para a continuidade da empresa.

Segundo o último balance realizado antes da súa constitución, o capital total da compañía Garra e Herdeiros de Garra e Somoza é de 474.985 reais, dos que as maiores partidas corresponden aos coiros indios, 265.934, a becerros, 83.319,  e a créditos a favor, 233.051. Francisco Garra será o socio xerente.

Francisco Garra Olañeta 106.954 reais
Wenceslao, Amado e Carmen Garra Somoza   94.186 reais
Elisa Aguerre Somoza  68.461 reais
Concepción Aguerre Somoza  68.461 reais
Anunciación Aguerre Somoza  68.461 reais
Pedro Aguerre Somoza  68.461 reais
Sociedade “Garra e Herdeiros de Aguerre e Somoza”

Francisco Garra Olañeta casa en segundas nupcias en 1883 con Rosario Martínez Salgado, dezaoito anos máis nova. O segundo casamento de Francisco ten tamén lugar en Compostela, na igrexa de San Fiz de Solovio, parroquia da noiva, que residía cos pais na veciña rúa do Preguntoiro. Nesa mesma igrexa de San Fiz fora bautizado quince anos antes o primeiro fillo de Francisco Garra con Carmen Somoza, Wenceslao, apadriñado precisamente polos pais de Rosario, Domingo Valentín Martínez e Manuela Salgado, en cuxa casa nacera. A nai de Rosario era natural de Filgueira e o seu avó materno, Juan Salgado, morto na epidemia de cólera de 1854 que tamén golpeou a parroquia, é posible que sexa o mesmo Juan Salgado que figura como vendedor dalgunha das súas propiedades aos irmáns Hirigoyen no primeiro período da fábrica e como testemuña do primeiro testamento de Juan Cadet en 1850.

Francisco Garra ten con Rosario Martínez á súa última filla, Aurora, a principios de 1885. Poucos meses máis tarde, en xuño dese mesmo ano, Francisco Garra falece. No testamento que realiza poucos días antes atopándose xa enfermo ante varios dos oficiais de curtidoiro da fábrica como testemuñas, Francisco dispón que sexa o seu irmán Juan Bautista o titor e curador dos seus fillos orfos, o seu sobriño Juan Garra Castellanzuelo no seu defecto ou Cayetano Froiz Senra en terceiro lugar.

Os datos recollidos no documento de partilla de 1887 dos balances contables do período comprendido ente 1865 e 1885 amosan cómo a empresa familiar mantén durante todo este período un bo ritmo produtivo, con ganancias que permiten á familia formalizar a compra definitiva da fábrica a Isabel Berrouet e os seus fillos, abordar a construción da citada nova casa e a capela, investir nas melloras das instalacións da fábrica e ampliar as súas propiedades e patrimonio, nalgúns casos como consecuencia de impagamentos de debedores. Tal é o caso de José García, mestre de obra prima de Santa Mariña de Pescoso, en Rodeiro, cuxa viúva se ve privada en 1870 dos seus bens por una débeda que viña dos tempos de Pedro Aguerre, vendendo logo Carmen Somoza eses bens ao cura párroco daquela parroquia. En 1870 atopamos tamén a Santiago Pimentel Mosquera, da Casa de Chedas, en Zobra, con curtidoiro dende uns anos antes, asumindo unha importante débeda doutro zapateiro de Espiñeira, no Irixo, con Carmen Somoza, para que non se execute. As escrituras notariais realizadas nesta época parecen indicar que o seu segundo matrimonio de Carmen Somoza non supuxo que ésta pasara a asumir un papel secundario en canto a iniciativa e toma de decisións.

   Titularidade Ano         Existencias        EDébedas      DExistencias líquidas
Pedro Aguerre e Carmen Somoza1865      91.549 21.274     70.275
Carmen Somoza1869    120.087 22.262     97.824
Carmen Somoza e Francisco Garra1870    120.125 20.110   100.014
Carmen Somoza e Francisco Garra1871    134.810 15.474   119.335
Carmen Somoza e Francisco Garra1873    157.827 20.819   137.011
Carmen Somoza e Francisco Garra1878    156.848 28.285   128.562
Carmen Somoza e Francisco Garra1879    147.537 22.158   125.378
Carmen Somoza e Francisco Garra1880    146.778 24.179   122.599
Francisco Garra e Fillos de Aguerre1885    161.658 11.457   150.200
Datos extraídos dos balances de fábrica
E: Metálico, débedas a favor, materiais, casca, graxas, ferramentas / D: Débedas contra a fábrica (importes en pesetas)

Ademais dos datos cuantitativos, que reflicten a situación económica da empresa no momento concreto de realizarse cada un dos balances, neles recóllese tamén información cualitativa que pon de manifesto outras cuestións de interese. O equipamento da fábrica segue sendo do mesmo tipo que nos seus inicios: as ferramentas propias do oficio de curtidor, non hai incorporación de ningunha maquinaria ou aparello específico, agás unha prensa de enfardar e unhas balanzas. As sucesivas relacións de debedores incorporadas nos balances semellan amosar que a produción da fábrica continúa dirixida fundamentalmente ao mercado local máis inmediato: as parroquias de Lalín e os concellos limítrofes; aínda que non se podería descartar a existencia de encargos para fóra de Galicia, a evidencia documental deles atópase de xeito moi tardío.

No que si se observan cambios durante o periodo do matrimonio de Carmen Somoza e Francisco Garra é na rede de relacións comerciais. Os irmáns Harguindey Broussain figuran como principais acreedores da fábrica nos balances de 1869 e 1871, Núñez e Fillo, da Coruña, en 1869 e 1870 e o comerciante e banqueiro José Pastor en 1873. Conforme avanza a década de 1870, na relación de débedas contra a fábrica as de contía máis elevada corresponden de xeito recorrente a tres acreedores de ascendencia catalá asentados en Vigo: Tapias, Sitjá e Ribas Prat, vinculados a familias relacionadas coa salgadura de peixe que mudaron ou diversificaron as súas actividades cara ao transporte marítimo de persoas e mercadorías, entre as que se incluían os “coiros indios”, entre Vigo e o continente americano. É posible que neste aspecto Juan Bautista Garra, xa con fábrica propia de curtidos en Ponteareas, máis próximo á cidade olívica e que comezaría a estar socialmente ben posicionado, xogara un importante papel como apoio do seu irmán Francisco no fornecemento de peles americanas para a fábrica de Lalín.

La Ilustración Gallega y Asturiana: Revista Decenal Ilustrada, 28 de febrero de 1881 / Galiciana

BALANCE 1869 1870 1871 1873 1878 1879 1880 1885
DÉBEDA22.26220.11015.47420.81928.28522.15824.17911.457
         
Harguindey13.638  7.620   985       50    350  1.501 
Núñez 3.47715.147      
Pastor    6.429    
Tapias       78 4.100 9.846  7.102 5.24711.327 6.035
Ribas Prat    11.079 7.885 2.690 5.188
Sitja     8.765 2.695  
Débeda cos principais acreedores da fábrica (importes en pesetas)

A etapa da viuvez e segundas nupcias de Francisco Garra continúa sendo unha boa etapa para a fábrica de curtidos, malia que o contexto xeral do coiro galego non sexa a esas alturas xa o máis favorable. O balance realizado o 19 de maio de 1885, un mes antes do seu pasamento, reflicte que se mantería o nivel produtivo, reducíndose de xeito considerable a débeda aos acreedores. Neste balance de 1885 atópase ademais constancia de que a fábrica contaba nese intre cun mercado estatal para os seus produtos. Entre a relación habitual de debedores locais de pequenos importes, figuran dúas compañías mercantís redicadas na capital andaluza: a dos irmáns Conradi, dunha familia de comerciantes de ascendencia italiana vinculada á fábrica de xabón de Triana, e a sociedade Martínez Irmáns e Compañía, almacenistas de produtos como os coiros, cobre e carbón, que tamén actuaban como consignatarios de buques de carga e pasaxeiros en liñas como a de Sevilla-Bilbao, con escalas nos portos intermedios, e se dedicaban tamén a actividades bancarias.

Viñas y Campí: El Indicador de España y de sus posesiones ultramarinas. Año económico 1864 a 1865.

Xunto á presenza destes empresarios andaluces na listaxe de debedores, no apartado de existencias aparece desagregado no balance o produto que había nese intre na fábrica con destino Sevilla. A totalidade do coiro xa producido obrante no almacén e o secadoiro, que supón aproximadamente unha peza da casa seis do total contabilizado, ten ese destino. Respecto do que se atopa nas fases previas de produción, tamén podería estar por tanto destinado cando menos en parte ao mercado andaluz, un mercado que permanecía fiel á calidade do coiro galego malia o prezo, máis elevado que o que nese tempo xa se podía atopar noutras latitudes.

COIRO/PELES   Unidades   Valor*
Coiros indios en sola de segundo asento    47216.450,75
Coiros indios en sola de primeiro asento    48015.180,00
Coiros indios en sola en mudanza    48415.144,15
Coiros indios en sola en almacén secadoiro para Sevilla    289 9.979,06
Becerros terreños curtidos en factura para Sevilla    235 5.392,75
Becerros indios e terreños en mudanza    61310.528,50
Coiros indios en caninas, caleiros e ó pelo    76017.723,00
Existencias en coiro e pel no balance de 1885 / (* Valor en pesetas)

A empresa de Filgueira beneficiábase a esas alturas do século XIX das melloras nas vías de comunicación e a rede de transporte de mercadorías, que fan máis doado que noutras épocas a importación de materias primas e a saída da producción cara a mercados máis afastados. No ámbito terrestre, Galicia ten unha rede viaria básica que posibilita o tráfico rodado e, na vía marítima, conta con liñas regulares, tanto de cabotaxe como transoceánicas, nas que operan os eficientes barcos de vapor. Aínda que operaba dende o interior de Galicia, a fábrica do Espiño tiña unha vinculación co mar, pois era o medio a través do que chegaban as peles e tiña saída parte do coiro producido. O mar, lonxe do mar, era tamén un recurso a ter en conta na boa marcha e o éxito da empresa, constituíndo un valor para unha industria radicada no interior rural, afastada da costa.

Cómpre salientar finalmente do balance de 1885 un último detalle, pequeno, pero que representa de xeito moi gráfico o que era daquela a industria do curtido galego. No que semella ser o momento de maior proxección da fábrica do Espiño, faise explícito no apartado do equipamento que as ferramentas son as mesmas que as inventariadas no balance de 1880 e “sete coitelos de labrar”. A produción dos coiros permanecía apegada ao lento e laborioso procedemento tradicional, ao marxe dos avances que axilizaban e facilitaban o proceso e que xa comezaran a mudar o sector noutros lares.

Anón.: The tanner, c.1880

AGUERRE SOMOZA e GARRA SOMOZA

A partición da herdanza de Pedro Aguerre, Carmen Somoza e Francisco Garra, realizada en 1887, convértese nunha ardua tarefa pola distinta filiación dos fillos, a necesidade de considerar a diversa situación patrimonial dos pais ao falecemento, a converxencia das herdanzas do irmán e os tíos mortos sen descendencia (Emilio Aguerre, Juan Aguerre e Perpetua Irigoyen) e a amplitude dos bens. As operacións de partilla, nas que intervén como perito contador Felipe Queimadelos Saniña, de Ponteareas, desenvólvese nun documento de trescentos sesenta e seis folios, que é moi descritivo da situación económica da fábrica dende que é arrendada por Pedro Aguerre. José Ramón Lecherén intervén aínda como curador de Pedro e Anunciación Aguerre Somoza e Juan Bautista Garra como curador de Wenceslao Garra e titor e curador de Amado e Carmen Garra; os intereses da máis pequena da saga familiar, Aurora Garra, son defendidos -como nunha ollada atrás aos comezos da fábrica- por Juan Bautista Froiz, fillo de Cayetano que no seu día fora apadriñado por Juan Bautista Hirigoyen e Isabel Berrouet. A todos os irmáns, agás Carmen e Aurora, adxudícaselles unha parte proporcional “en todas las casas y dependencias que se comprenden dentro del circundado de la fábrica de curtidos, incluso la era de piedra, el hórreo, la capilla, huerta adyacente a ella, el salido fuera del portal oeste, el tanque fuera del portal principal del norte y la cañería subterránea que arranca de aquel y conduce a la mudanza, cuyo circundado, huerta y salido ocupa la superficie de cinco mil nueve cientos noventa y ocho metros cadrados”.

Sinaturas no documento de partilla de 1887 / AHPP

En 1887 constitúese unha nova compañía na que os socios serán os catro irmáns Aguerre Somoza: Elisa, Concepción, Anunciación e Pedro. O capital que aportan á sociedade, en materias primas e efectos fabricados de todo tipo, é de 58.281 pesetas, o capital móbil co que figuraban no balance de 19 de maio de 1885. A denominación da sociedade será Fillos de Aguerre en Compañía e o administrador Arturo Blanco Rodríguez, daquela xa marido de Concepción Aguerre, cun soldo fixado en dúas mil pesetas anuais. Wenceslao, Amado e Carmen Garra Somoza, co seu tío Juan Bautista Garra en calidade de titor e curador, fan unha cesión da parte que teñen nos efectos existentes na fábrica destinados á produción de curtidos (solas, becerros, casca,…) por un valor total de 23.159 pesetas, segundo o citado balance de 1885, establecendo que percibirán por elo un interese do seis por cento dende a sua data. Wenceslao e Amado farán ademais cesión aos seus irmáns Aguerre Somoza da parte que manteñen nas edificacións, valorada en 12.975 pesetas e pola que percibirán un dous por cento anual. Respecto á segunda muller de Francisco Garra, Rosario Martínez, e á súa filla Aurora, -que retornaran a Compostela tras o pasamento de Francisco-, das 3.809 pesetas nas que se valora o seu capital na fábrica, Arturo Blanco, como administrador da nova sociedade, abonará tamén un interés do seis por cento anual, pero devolve xa unha parte do capital, obrigándose a pagar o restante en dous anos.

Elisa Aguerre Somoza  10.909 pesetas
Concepción Aguerre Somoza  17.380 pesetas
Anunciación Aguerre Somoza  17.933 pesetas
Pedro Aguerre Somoza  12.689 pesetas
Sociedade “Fillos de Aguerre en Compañía”

Ademais de a Arturo e a Nicasio Blanco Rodríguez, os herdeiros apoderan para que os representen en todos os preitos relacionados coa actividade da fábrica a procuradores dos xulgados de Lalín, A Estrada, Chantada, Vigo, Ponteareas, Pontevedra, Santiago, Ribadavia, Ourense, a Audiencia Territorial de A Coruña, o Tribunal Supremo e, en Sevilla, a Cándido e Ramón Martínez, da xa citada sociedade Martínez Irmáns. Este poder pon de manifesto, ademais da complicación adicional dos preitos na xa de por si pouco sinxela xestión da fábrica de curtidos, as distintas prazas nas que a empresa tiña intereses e desenvolvía a súa actividade.

A traxectoria dos herdeiros varóns da fábrica será paralela á doutros fillos de empresarios curtidores, que non continúan coa actividade dos seus pais, senón que optan por outras ocupacións tras acceder á educación superior pola bonanza económica das súas familias, na procura do exercicio dunha profesión socialmente mellor considerada. Pedro Aguerre Somoza estudará Dereito na universidade compostelana, Wenceslao Garra Somoza estudará Farmacia e tamén Amado Garra Somoza iniciaría estudos superiores que non remataría. Pedro Aguerre obterá un posto na Administración Pública, Wenceslao exercerá a súa profesión de farmacéutico nun establecemento propio e Amado rexentará un negocio de alimentación xunto coa súa muller Severina Lalín, neta por liña materna do escribán Domingo Antonio Gutiérrez, ante quen se fixeron unha boa parte das escrituras relacionadas coa fábrica.

La Lucha, 1917 (M.anuel Igrexas)

Para as mulleres queda a opción dun casamento vantaxoso. Elisa e Concepción Aguerre Somoza casan cos irmáns Nicasio e Arturo Blanco Rodríguez, fillos de José Blanco Porto, veciño de Donsión e alcalde de Lalín entre 1883 e 1884 e entre 1887 e 1890, que xa viña tendo relación coa familia, apadriñara á súa irmá Anunciación e figura como testemuña no testamento dos pais, Pedro Aguerre e Carmen Somoza, en 1865. Anunciación non casa, Carmen Garra farao co seu curmán de Ponteareas, como xa se comentou, falecendo cando ía cumprir vintedous anos tras ter ao seu segundo fillo, José Garra Garra, e Aurora Garra contrae matrimonio de xeito tardío con José Pazos Rivas, ourive compostelán e logo funcionario, non terá descendencia.

En 1894 os irmáns Aguerre Somoza acordan a disolución da sociedade Fillos de Aguerre en Compañía. Anunciación e Pedro Aguerre Somoza levantan o capital que lles corresponde e a súa irmá Elisa aínda deixa a súa parte, trece mil cincocentas pesetas, en poder da súa irmá Concepción e o seu cuñado Arturo, coa obriga de abonar un seis por cento anual de dita cantidade, da que en 1907 renovarán a obrigación de pago, pois unicamente fixeran fronte aos intereses. A Concepción e Arturo quédalles tamén a obriga de facer a liquidación aos outros propietarios da parte proindiviso que teñen na fábrica.

A actividade da fábrica de curtidos do Espiño prolongarase aínda ata ben entrado o século XX, en mans de Arturo Blanco Rodríguez, marido de Concepción Aguerre. A etapa final da fábrica semella non ser doada, pois Arturo Blanco ten que recorrer a dous préstamos que suman preto de dezaoito mil pesetas que lle son facilitadas por Juan Garra Castellanzuelo, cuñado da súa muller. Respecto do capital que Elisa Aguerre deixara en mans da súa irmá Concepción e o seu cuñado Arturo tras disolverse en 1894 a última sociedade, realízase en 1921 unha novación de contrato, xa que Arturo Blanco e Concepción Aguerre entregaran catro mil pesetas, restando aínda nove mil cincocentas.

Probablemente dous factores xogan en contra da fábrica: a descapitalización da empresa e a presenza de competencia a pé de porta, unha nova fábrica no lugar de Vilar do Río da veciña parroquia de Bendoiro, coa que se ve compartindo o mercado local. Así, se a fábrica de curtidos de Bendoiro, establecida en 1888, tributa á Facenda Pública en principio a metade que a de Filgueira, a partir de 1909 ambas pasan a equipararse na cota tributaria, declarando as dúas 18m3. Coas reservas que ten considerar este indicador, pois responde á declaración dos empresarios, si se podería concluír o dinamismo e crecemento da fábrica de Bendoiro, que contaría coa metade de pios nas súas dependencias, en contraste coa do Espiño, que semella ter unha produtividade cativa para as instalacións coas que conta. A viúva e fillos de Juan Bautista Garra declaraban daquela nas súas fábricas da Perillana e Angoares, en Ponteareas, 91m3 e 76m3, cun número de noques equiparable aos da fábrica de Filgueira, trinta na primeira e trinta e catro na segunda. A fábrica do Espiño cesará a súa actividade en 1922, hai agora un século e tras case outro século completo de existencia.

La Lucha, 1917 ( M.anuel Igrexas)

Da descendencia de Pedro Aguerre e Carmen Somoza, o seu neto Arturo Blanco Aguerre será alcalde de Carbia de 1930 a 1931. Dos netos de Carmen Somoza e Francisco Garra, José Garra Garra será o primeiro alcalde republicano de Tui, entre 1931 e 1933, logo de ser tamén alcalde de Ponteareas entre 1924 e 1925, e Alfonso Garra Goyanes, falanxista, permanecerá na alcaldía de Lalín entre 1937 e 1949 e entre 1951 e 1957, o seu pai Wenceslao Garra Somoza formara parte da directiva do Centro Maurista de Lalín. Eliseo Garra Lalín, funcionario municipal e membro do Centro Republicano de Lalín, será vítima da represión franquista, sendo asasinado en Tenorio en 1936. Son tamén sobriños netos de Francisco Garra: Wenceslao González Garra, deputado nas Cortes e un dos empresarios que financiou a conspiración que deu lugar ao golpe de estado de xullo de 1936, e Joaquín Sarmiento Garra, alcalde falanxista de Santiago de Compostela entre 1946 e 1949 e de Ponteareas de 1960 a 1965. Todos eles forman xa parte doutra historia, pero fálannos da implicación política e o activismo dos herdeiros desta saga de curtidores, nalgúns casos por idealismo, as máis da veces seguramente na procura de influencia e poder.

*****

A pretensión deste traballo foi recuperar a memoria da fábrica de curtidos do Espiño, unha iniciativa senlleira no pobre pasado industrial da vila de Lalín, paralela ás desenvolvidas noutras vilas galegas e paradigmática do que foi a industria galega do coiro no século XIX. Os edificios da fábrica permanecen hoxe ben á vista preto do transitado paseo fluvial do río Pontiñas, inseridos na paisaxe como construcións de uso agrícola, -o que finalmente acabaron sendo-, evidentes aos ollos dos paseantes que ignoran a existencia da fábrica, cuxa significación cómpre por en valor.

Fontes

  • Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra (AHPP)
  • Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOU)
  • Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela (AHUS)
  • Arquivo Histórico Provincial de Lugo (AHPL)
  • Arquivo Colexio Notarial da Coruña (ACNC)
  • Archives Departementales Pyrenées Atlantiques (ADPA)
  • Arquivo Histórico Diocesano de Lugo
  • Arquivo Histórico Diocesano de Tui
  • Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela
  • Arquivo Histórico Diocesano de Ourense
  • Arquivo Histórico Diocesano de Gipuzkoa
  • Gen&O: Genealogie et Origins en Pyrénées Atlantiques
  • GHFPBAM: Généalogie et histoire des Familles Pays-Basque /Adour Maritime
  • Galiciana Biblioteca Dixital de Galicia

Bibliografía

  • ADARO RUIZ-FALCÓ, Luis: “Los comienzos de las fábricas de municiones gruesas de Trubia y de armas de Oviedo 1792-1799”, Oviedo, Boletín del Instituto de Estudios Asturianos, Nº 108, pp. 339-452, 1986
  • ALBERBIDE, Sauveur et al.: Heleta, Helette, Editions Jean Curutchet, 1996
  • ARRIZABALAGA, Marie Pierre: “Las mujeres pirenaicas y la emigración en el siglo XIX”, en HERNANDEZ BORGE, Julio e GONZALEZ LOPO, Domingo I. (ed.): Mujer y emigración: una perspectiva plural: Actas del Coloquio Internacional, Santiago de Compostela, 23-24 de noviembre de 2006, Universidade de Santiago de Compostela, 2008
  • ARTIAGA REGO, Mª Aurora: Wenceslao González Garra e a trama civil do Golpe de Estado, en ARTIAGA, M.A., BALBOA, J., FERNÁNDEZ, L. e RICO, E. (eds.): Á volta do tempo: Estudos de Historia Contemporánea, Vigo, Edicións Xerais, 2021, pp. 15-53
  • AVELLANA, Miguel: Prontuario de la colección de mapas especiales de España, Madrid, Imprenta Manuel Anoz, 1861
  • BARREIRO GIL, M, Jaime: “El atraso económico y el sistema de transporte terrestre en la Galicia del siglo XIX”, Revista Galega de Economía, vol. 10, num. 1, 2001
  • CARMONA BADÍA, Xoan: “Catalanes de Galicia: 1830-1900”, Actas do congreso Els Catalans a Espanya 1760-1914, Barcelona, Universitat de Barcelona, 1996
  • CARMONA BADÍA, Xoan e FERNÁNDEZ VÁZQUEZ, Mª Teresa: “Historia e actualidade do patrimonio industrial de Galiza: As fábricas de curtidos de Allariz”, en Xosé Antón Fidalgo Santamariña e Xesús Simal Gándara (coords.), Patrimonio cultural de Galicia e norte de Portugal, Ourense, Deputación Provincial, 1997
  • CARMONA BADÍA, Xoan e FERNÁNDEZ VÁZQUEZ, Mª Teresa: A Compostela industrial. Historia e pegada das fábricas de coiros no concello de Santiago, Santiago de Compostela, Consorcio de Santiago, 2003
  • CARMONA BADÍA, Xoan e NADAL OLLER, Jordi: El empeño industrial de Galicia: 250 años de historia (1750-2000), A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2005
  • CARMONA BADÍA, Xoan: “Lo material y lo inmaterial en el patrimonio industrial de Galicia: Algunas notas sobre su situación y características”, Patrimonio industrial y paisaje: V Congreso Conservación del Patrimonio Industrial y de la Obra Pública en España, TICCIH, 2010
  • CASTRO PÉREZ, Candelaria, CALVO CRUZ, Mercedes e GRANADO SUÁREZ, Sonia: “Las capellanías en los siglos XVII-XVIII a través del estudio de su escritura de fundación”, Anuario de Historia de la Iglesia, nº 16, pp. 335-348, Universidad de Navarra, 2007
  • CRUZ VALENCIANO, Jesús: El surgimiento de la cultura burguesa. Personas, hogares y ciudades en la España del siglo XIX, Madrid, Siglo XXI, 2014
  • ÇUBURU-ITHOROTZ, Beñat: “Los vascofranceses en Cuba: su aportación al desarrollo de la curtiembre”, en DOUGLASS, William A. (coord.), Vascos en Cuba, Vitoria-Gasteiz, Eusko Jaularitzaren, 2015
  • DUBERT GARCÍA, Isidro: “Composición, salarios y promoción social en el servicio doméstico rural de la Galicia interior, 1700-1825”, Mundo Agrario, vol.18, num. 39, 2017
  • FACAL RODRÍGUEZ, MªJesús: Manuel Pérez Sáenz 1848-1880: “Lectura de la contabilidad de un armador, comerciante mayorista y banquero de Santiago de Compostela”, IV Encuentro de Trabajo de Historia de la Contabilidad, Universidad de Vigo
  • FACAL RODRÍGUEZ, Mª Jesús: “La integración de comerciantes mayoristas gallegos en redes financieras o bancarias en la segunda mitad del siglo XIX: Manuel Pérez Sáenz”, X Simposio de Historia Económica: Análisis de Redes en la Historia Económica, Universidad de Barcelona, 2005
  • FERNÁNDEZ NEGRAL, Justino: Las fábricas de curtidos en la ría de Ferrol (1783-1956), Sada, Ediciós do Castro, 2002
  • FERNÁNDEZ VÁZQUEZ, Mª Teresa: La industria del curtido en la Galicia contemporánea, Tese de doutoramento, Univesidade de Santiago de Compostela, 2002
  • FERNÁNDEZ VÁZQUEZ, Mª Teresa: “Juan Harguindey Broussain (1839-1911): o maior fabricante de coiros galego do século XIX”, en CARMONA BADÍA, Xoan (coord.), Empresarios de Galicia, Vol. 1, Santiago de Compostela, Fundación Caixa Galicia, pp.234-235, 2006
  • GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, Juan Miguel: “Los industriales catalanes en Vigo en los siglos XVIII-XIX”, Boletín Instituto de Estudos Vigueses, nº 23, pp. 213-254
  • IGREXAS RODRIGUEZ, Manuel: Lume, pistolas e dinamita. Violencia social e política no Deza, https://historiasdedeza.wordpress.com, 2012
  • LINDOSO TATO, Elvira e VILAR RODRÍGUEZ, Margarita: “La supervivencia de los comerciantes-banqueros coruñeses en un marco de creciente competencia: Estrategias y resultados (1840-1936)”, Revista Galega de Economía, vol. 17, nº. 1, 2008
  • LINDOSO TATO, Elvira e VILAR RODRÍGUEZ, Margarita: “La literatura de viajes y el transporte en Galicia desde el último tercio del siglo XVIII hasta mediados del XIX”, Cuadernos de Estudios Gallegos, LXII, num. 128, 2015
  • MEIJIDE PARDO, Antonio: “Las primeras industrias del curtido en Betanzos”, Untia Boletín do Seminario de Estudios Mariñáns, nº 2, Betanzos, 1986
  • MEIJIDE PARDO, Antonio: “Entre 1770 y 1814 se establecen 14 fábricas de curtidos en la comarca ferrolana”, Anuario Brigantino, nº 21, Betanzos, 1998, pp. 167-182
  • MURO GOIRI, Angel: Memoria sobre la industria tenera en Galicia, A Coruña, Imprenta Domingo Puga, 1872
  • OTERO CEPEDA, Encarna: As mulleres industriosas nas tenerías de Santiago, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, 2008
  • OTERO EIRIZ, Claudio: A industria dos coiros en Galicia. Historia e patrimonio, Tese de doutoramento, Univesidade de Santiago de Compostela, 2017
  • OTERO EIRIZ, Claudio: A industria galega dos curtumes. Pegadas dun patrimonio cultural sobranceiro, Santiago de Compostela, Laiovento, 2020
  • PEÑUELA JIMENEZ, Agustín: Martínez Hermanos y Compañía, https://bancaandalucia.blogspot.com, 2017
  • REY CASTELAO, Ofelia: “Casas y cosas en la Galicia occidental en el siglo XVIII”, Cuadernos de Historia Moderna, XIV, 2015, pp. 211-233
  • SÁNCHEZ BARGIELA, Rafael: “Amado Garra Castellanzuelo. Cidadán, agrario, republicano”, Faro de Vigo, 01/11/2005
  • SOBRADO CORREA, Hortensio: “Heredero único y familia troncal en la Galicia interior, 1750-1860”, Studia Historica, Historia Moderna, 23, 2001, pp. 275-303
  • SOBRADO CORREA, Hortensio: “Los inventarios post-mortem como fuente privilegiada para el estudio de la historia de la cultura material en la Edad Moderna”, Hispania, LXIII/3, num. 215, 2003, pp. 825-861
  • VÁZQUEZ GONZÁLEZ, Alejandro: “El ocaso de la armaduría gallega y la emergencia de los nuevos señores del transporte emigratorio a América: los consignatarios (1847-1880)”, Sémata, vol. 11, Santiago de Compostela, 1999
  • VIDAL NEIRA, Antonio: José Ulloa Pimentel, https://historiadeza.wordpress.com, 2014

*****

Xermolo desta pescuda / Alfonso Garra Goyanes, 1987

*****

Documentación notarial

  • 06.03.1819: Venta de Agustín Suárez de Cobián a Pedro Garra (Alberto Limeses/AHPP)
  • 11.12.1823: Obriga de Pedro Garra (José Benito Esperón/AHPP)
  • 08.04.1824: Obriga de Bernardo Echeverría a Pedro Garra (Alberto Limeses/AHPP)
  • 08.04.1824: Transación entre Pedro Garra e Martín Dartayet (Alberto LImeses/AHPP)
  • 16.09.1824: Testamento de Pedro Garra (Alberto LImeses/AHPP)
  • 08.10.1824: Carta de pago de Pedro Garra a Bernardo Echeverría (Alberto LImeses/AHPP)
  • 15.11.1826: Poder de Pedro Garra a Inés Alvariño (José Benito Esperón/AHPP)
  • 05.07.1829: Arrendamento de Domingo Espiño a Domingo Garra (Francisco Antonio García/AHUS)
  • 11.10.1830: Partage de Jacques, Jean, autre Jean et Grat Garra, heritier et legetimaires de la maison Larrateguy (Jean Pierre Durrels/ADPA)
  • 22.02.1832: Carta de pago de Santiago Garra (Fco. Antonio García/AHUS)
  • 21.06.1832: Recoñecemento de filla de José Somoza e Benita Negro (José Soto/AHPO)
  • 07.02.1833: Testament de Jacques Garra, maître de Larteguy (Jean Pierre Durrels/ADPA)
  • 05.01.1835: Ratificación de venda de José González Bodaño a Juan Bautista Irigoyen (Domingo Antonio Gutierrez/AHPP)
  • 04.08.1836: Fianza que dan Pedro e Campio Martínez con Juan Varela (Francisco Javier Araújo/AHPP)
  • 22.08.1837: Testamento de José Somoza (Pedro Mª Ferreirós/AHPL)
  • 10.05.1838: Foro a favor de Juan Bautista Irigoyen (Domingo Antonio Gutierrez/AHPP)
  • 04.06.1838: Poder de Juan Garra (Benito Bernardo Vázquez/AHPP)
  • 14.07.1838: Testamento de Inés Alvariño (Juan Armadáns/AHUS)
  • 00.00.1839: Consigna de bens de Francisco Senra en favor de Juan Bautista e Juan Cadet Irigoyen (Manuel González/AHPP)
  • 30.01.1840: Obriga de María Vigide a Juan Bautista Irigoyen (Vicente Ramos Novoa/AHPP)
  • 06.02.1841: Cesión de herdanza de Juan Cadet Irigoyen (Domingo Antonio Gutierrez/AHPP)
  • 21.06.1842: Aprobación de foro a Juan Bautista e Juan Cadet Irigoyen (Domingo Antonio Gutierrez/AHPP)
  • 17.11.1842: Foro de Juan Bautista  e Juan Cadet Irigoyen (Francisco de Oca/AHPP)
  • 23.02.1843: Poder de Juan Cadet Irigoyen (Domingo Antonio Gutierrez/AHPP)
  • 16.07.1843: Ratificación de escrituras de venda a Juan Bautista Irigoyen (Francisco de Oca/AHPP)
  • 31.12.1843: Testamento de Juan Caballero Pacheco (Francisco Orge/AHPP)
  • 18.09.1844: Obligation par Gregoire Hirigoyen, en favour de Jean Baptiste Hirigoyen, son nereu, de Lalín, Espagne (Jean Diharassarry/ADPS)
  • 20.09.1844: Testamento de José Somoza Mourenza (José Soto/AHPOU)
  • 14.10.1844: Convenio e obriga de Juan Cadet y Gregorio Irigoyen (Antonio Calbete/ACNC)
  • 20.08.1845: Poder de Juan Bautista Irigoyen (Fco. Javier Araújo/AHPP)
  •  08.12.1845: Poder de Francisco Santaló para reclamar contra Juan Bautista Irigoyen (Juan de Armadáns/AHUS)
  • 21.01.1846: Codicilo de Juan Bautista Irigoyen (Pedro Tomás Ramos/AHPP)
  • 23.04.1846: Venda e permuta de Joaquín Montouto e outros a Juan Bautista e Juan Cadet Irigoyen (José Mª Crespo/AHPP)
  • 27.04.1846: Vendas de Joaquín Montoto, José Granja e Bernardo Pérez (José Mª Crespo/AHPP)
  • 08.06.1846: Poder de Juan Cadet e Juan Bautista Irigoyen a Esteban Berrouet (Francisco Javier Araújo/AHPP)
  • 15.06.1846: Poder de José Santiago Eleicegui a Juan Cadet Irigoyen (Juan de Armadáns/AHUS)
  • 05.08.1846: Venda de Andrés Muiños e Josefa Froiz (Francisco Javier Araújo/AHPP)
  • 04.11.1846: Poder de Juan Cadet Hirigoyen e irmáns a Etienne Berrouet (José Mª Gil/AHPP)
  • 10.12.1846: Obriga de Martín Echegaray a José Benito Figueiras (Manuel Groba/AHPP)
  • 17.01.1847: Venda de Benito Bodaño (Domingo Antonio Gutiérrez/AHPP)
  • 25.01.1847: Venda de María Bodaño (Domingo Antonio Gutiérrez/AHPP)
  • 05.05.1847: Poder de Juan Bautista Irigoyen (Domingo Antonio Gutiérrez/AHPP)
  • 15.06.1847: Transacción entre Juan Cadet Irigoyen e outros (Francisco Javier Araújo/AHPP)
  • 11.03.1848: Obriga con hipoteca de Cecilio Rodríguez (Vicente Gómez/AHPP)
  • 19.06.1848: Poder de Juan Bautista Irigoyen (Domingo Antonio Gutiérrez/AHPP)
  • 04.12.1848: Escritura de avenencia de Juan Bautista Irigoyen con José García (Domingo Antonio Gutierrez/AHPP)
  • 22.01.1849: Venda de Manuel Vilariño (Domingo Antonio Gutiérrez/AHPP)
  • 11.02.1849: Donación de Luisa Bernárdez ao seu fillo Bernardo Celabeite (Domingo Antonio Gutiérrez/AHPP)
  • 04.08.1849: Venda de herdanza de Juan Irigoyen a Juan Bautista e Juan Cadet Irigoyen (Domingo Antonio Gutiérrez/AHPP)
  • 05.12.1849: Venda de herdanza de Gregorio Irigoyen a Juan Cadet Irigoyen (José Sarandeses/AHPP)
  • 05.12.1849: Sociedade Isabel Berrouet e Fillos e Juan Cadet Irigoyen (José Sarandeses/AHPP)
  • 23.01.1850: Poder para adquirir bens en Francia de Juan Cadet Irigoyen a Esteban Berrouet (Domingo Antonio Gutierrez/AHPP)
  • 10.07.1850: Vente par Etiennette, Marie, Josephe et Catherine Hirigoyen, en favour de Jean Cadet Hirigoyen, de Lalín, Espagne (Jean Diharassarry/ADPA)
  • 25.12.1850: Testamento de Juan Cadet Irigoyen (Domingo Antonio Gutiérrez/AHPP)
  • 12.01.1851: Testamento de Juan Cadet Irigoyen (Jacobo Andrés de Cabo/AHUS)
  • 08.02.1851: Inventario de bens da fábrica (Domingo Antonio Gutiérrez/AHPP)
  • 06.03.1851: Poder para preitos de Isabel Berrouet a Fernando Mª Soto (Domingo Antonio Gutierrez/AHPP)
  • 20.01.1852: Convenio con Isabel Berrouet sobre uso de augas do muíño de casca (Domingo Antonio Gutierrez/AHPP)
  • 16.02.1852: Poder de Isabel Berrouet a Guillermo Berrouet (Domingo Antonio Gutierrez/AHPP)
  • 03.10.1852: Poder para preitos de Isabel Berrouet (Domingo Antonio Gutierrez/AHPP)
  • 29.09.1853: Testamento de Ignacio Caballero Pacheco (Juan Cambra/AHPP)
  • 04.01.1855: Poder de Isabel Berrouet (Domingo Antonio Gutierrez/AHPP)
  • 03.10.1855: Poder de Ignacio Caballero a Juan Bautista Garra (José Ramón Bugallal/AHPP)
  • 04.03.1856: Poder de Isabel Berrouet para dilixencias xudiciais (Domingo Antonio Gutiérrez/AHPP)
  • 31.03.1856: Poder de Isabel Berrouet para preitos (Domingo Antonio Gutiérrez/AHPP)
  • 04.10.1856: Renuncia de Juan Garra a adquisicións do seu fillo (José Ramón Bugallal/AHPP)
  • 13.10.1856: Arrendamento da fábrica por Pedro Aguerre e Pedro Molezún (Vicente Ramos Novoa/AHPP)
  • 13.10.1856: Compañía mercantil de Pedro Aguerre e Pedro Molezún (Vicente Ramos Novoa/AHPP)
  • 17.10.1856: Obriga de pago de Pedro Aguerre a Guillermo Berrouet (Domingo Antonio Gutierrez/AHPP)
  • 17.10.1856: Poder para preitos de Isabel Berrouet a Pedro Aguerre (Domingo Antonio Gutierrez/AHPP)
  • 17.10.1856: Partilla de Isabel Berrouet e fillos (Domingo Antonio Gutierrez/AHPP)
  • 24.10.1856: Poder para preitos de Pedro Aguerre e Carmen Somoza a Juan Irigoyen (Domingo Antonio Gutierrez/AHPP)
  • 14.01.1857: Entrega de cartos a Carmen Somoza (Domingo Antonio Gutierrez/AHPP)
  • 20.06.1857: Poder para preitos de Pedro Aguerre e Carmen Somoza (Domingo Antonio Gutierrez/AHPP)
  • 27.08.1857: Empréstimo de José Ulloa Pimentel a Pedro Aguerre (José Rico/AHUS)
  • 28.08.1857: Disolución da sociedade Pedro Aguerre-Pedro Molezún (José Rico/AHUS)
  • 09.11.1857: Convenio da herdanza de José Somoza (Agustín Pereira/AHPOU)
  • 17.12.1858: Testamento de Juan Garra (Benito Bernardo Vázquez/AHPP)
  • 11.01.1858: Poder para preitos de veciños de Filgueira (Domingo Antonio Gutiérrez/AHPP)
  • 06.04.1858: Obriga de Juan Irigoyen (José Mª Crespo/AHPP)
  • 08.04.1858: Donación de Manuela Negro a Carmen Somoza (José Mª Crespo/AHPP)
  • 07.07.1858: Prêt par Isabelle Berrouet, veuve Hirigoyen, d´itxassou a Jean Errecart (Jean Diharassarry/ADPA)
  • 27.12.1858: Testamento de Manuela Negro (Domingo Antonio Gutiérrez/AHPP)
  • 02.08.1859: Obriga de José García a favor de Pedro Aguerre (Antonio Mª de Porto/AHPP)
  • 17.02.1860: Poder para preitos de Pedro Aguerre e outros de Filgueira (Domingo Antonio Gutiérrez/AHPP)
  • 05.12.1860: Poder de Pedro Aguerre (Francisco Batalla y Hermida/AHPP)
  • 17.06.1861: Venda de José e Manuel de Castro a Pedro Aguerre (Domingo Antonio Gutiérrez/AHPP)
  • 21.07.1861: Venda de Domingo González e Ramona Villar a Pedro Aguerre (Domingo Antonio Gutiérrez/AHPP)
  • 23.08.1861: Vente par Pierre Daguerre, de Lalín, … , de leurs droits cohereditaires paternels, en favour de Jeanne Marie Daguerre, leur soeur d´Espelette (Jean Diharassarry/ADPA)
  • 31.10.1861: Quittance par Isabelle Berrouet, veuve Hirigogen et épouse de Jean Oxandabaratz, d´Itxassou, a Jean Errecart (Jean Diharassarry/ADPA)
  • 16.11.1861: Venda de Ramón Villar a Pedro Aguerre (Domingo Antonio Gutiérrez/ AHPP)
  • 10.06.1864: Procuration de Isabelle Berhouet (Jean Baptiste Dasconaguerre/ADPA)
  • 23.07.1864: Carta de pago de Pedro Aguerre a Isabel Berrouet (Francisco Batalla y Hermida/AHPP)
  • 14.10.1865: Testamento de Pedro Aguerre e Carmen Somoza (Francisco Batalla y Hermida/AHPP)
  • 28.12.1865: Poder para preitos de Juan Aguerre Garat (Domingo A. Gutierrez/AHPP)
  • 20.09.1866: Poder de Carmen Somoza a Cayetano Froiz (Francisco Batalla y Hermida, AHPP)
  • 20.12.1866: Obriga hipotecaria de pago a Carmen Somoza (Francisco Batalla y Hermida, AHPP)
  • 22.12.1866: Oferta de venda de fincas a Carmen Somoza (Francisco Batalla y Hermida, AHPP)
  • 04.05.1867: Poder de Carmen Somoza (Domingo Antonio Gutiérrez/AHPP)
  • 06.07.1867: Poder xeral de Carmen Somoza para litigar (Francisco Batalla y Hermida, AHPP)
  • 28.07.1867: Obriga hipotecaria de pago a Juan Aguerre (Francisco Batalla y Hermida, AHPP)
  • 15.01.1868: Poder a Cayetano Froiz para representar aos otorgantes como estanqueiros ante a Administración de Rendas do partido (Antonio Mª de Porto/AHPP)
  • 02.02.1868: Poder de Juan Aguerre Garat (Francisco Batalla y Hermida, AHPP)
  • 13.01.1869: Poder de Francisco Garra e Francisco Hirigoyen (Francisco Batalla y Hermida, AHPP)
  • 00.00.1869: Ratificación de venda a Juan Aguerre (Francisco Batalla y Hermida, AHPP)
  • 22.06.1869: Poder de Carmen Somoza a procuradores do Tribunal Superior de Xustiza (Antonio Mª de Porto/AHPP)
  • 09.12.1869: Venda de fincas a Carmen Somoza (Francisco Batalla y Hermida, AHPP)
  • 18.01.1870: Poder de Carmen Somoza a procuradores do Colexio de Madrid para contestar a un recurso ante o Tribunal Supremo (Antonio Mª de Porto/AHPP)
  • 30.09.1870: Venda de Carmen Somoza a Vicente Varela, cura de Pescoso (Antonio Mª de Porto/AHPP)
  • 30.09.1870: Recibo por crédito otorgado de Carmen Somoza a Santiago Pimentel Mosquera (Antonio Mª de Porto/AHPP)
  • 03.10.1870: Obriga de María Pampín a favor de Carmen Somoza (Antonio Mª de Porto/AHPP)
  • 05.02.1871: Descrición de fincabilidad de Juan Aguerre Garat (Antonio Mª de Porto/AHPP)
  • 27.02.1871: Venda de casa e fincas de Juan Aguerre (Antonio Mª de Porto/AHPP)
  • 27.02.1872: Poder de Carmen Somoza e Francisco Garra (Antonio Mª de Porto/ AHPP)
  • 27.02.1873: Último pago a Isabel Berrouet – Venda da fábrica (Francisco Vila López/AHPP)
  • 18.10.1873: Poder de Carmen Aguerre (Somoza) e Francisco Garra (Francisco Vila López/AHPP)
  • 19.02.1876: Venda de Carmen Somoza a Pedro Iglesias (Francisco Vila López/AHPP)
  • 17.03.1877: Poder de Francisco Garra e Carmen Somoza (Juan Galbán Villanueva/AHPP)
  • 02.09.1878: Renuncia de herdanza de Juan Hirigoyen (Felipe Varela Rodríguez/AHPOU)
  • 02.09.1878: Poder de Juan Hirigoyen a Cayetano Froiz (Felipe Varela/AHPOU)
  • 07.09.1878: Renuncia de herdanza de Perpetua Hirigoyen a favor de Carmen Somoza (Juan Galbán Villanueva/AHPP)
  • 05.07.1879: Venda de José Granja a Francisco Garra (Francisco Vila López/AHPP)
  • 05.07.1879: Venda de Ignacio Rodríguez a Francisco Garra (Francisco Vila López/AHPP)
  • 20.11.1879: Venda de Francisco Garra a Pedro Lalín (Francisco Vila López/AHPP)
  • 01.12.1879: Testamento de Juan Hirigoyen (Felipe Varela Rodríguez/AHPOU)
  • 07.01.1880: Venda de José e Angel González a Francisco Garra (Francisco Vila López/AHPP)
  • 05.08.1880: Hipoteca de Francisco Garra para o sostemento da capela (Francisco Vila López/AHPP)
  • 01.09.1880: Declaración de herdeiros de Carmen Somoza (José Mª Vázquez Caballero/AHPP)
  • 10.11.1880: Hipoteca de Francisco Hirigoyen por débeda a Francisco Garra (Francisco Vila López/AHPP)
  • 08.12.1880: Protocolización do inventario do haber fincable da casa fábrica (Francisco Vila López/AHPP)
  • 22.06.1881: Sociedade “Garra e Fillos de Aguerre e Somoza” (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 17.03.1883: Venda de Manuela Taboada a Francisco Garra (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 19.10.1883: Poder de Francisco Garra e José Lecheren (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 19.10.1883: Poder de Nicasio Blanco, José Lecheren e Francisco Garra (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 10.06.1885: Testamento de Francisco Garra (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 23.07.1885: Poder de Rosario Martínez a Cayetano Froiz (Rafael Membiela Salgado/…)
  • 11.02.1887: Fianza de Arturo Blanco e Concepción Aguerre (Francisco Vila López/AHPP)
  • 25.02.1887: Constitución de compañía “Fillos de Aguerre” (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 25.02.1887: Poder xeral (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 25.02.1887: Cesión de efectos da fábrica (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 02.03.1887: Entrega e obriga de pago de Rosario Martínez e Arturo Blanco (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 02.03.1887: Poder xeral de Juan Bautista Garra (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 26.07.1887: Partilla de herdeiros da fábrica (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 19.08.1892: Testamento de Cayetano Froiz (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 10.10.1893: Préstamo de Amado Garra Somoza e Inocencio Lalín Gutiérrez a Elisa Gutierrez Maceira (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 22.01.1894: Aprobación de contas de Wenceslao Garra e Juan Bautista Garra (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 01.07.1894: Disolución da compañía “Fillos de Aguerre” (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 27.09.1895: Venda de Pedro Aguerre e Nicasio Blanco (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 11.07.1897: Venda de Amado Garra a Domingo Froiz Salgado (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 04.01.1899: Poder outorgado a Pedro Aguerre Somoza e Juan Garra Castellanzuelo (Bernardo Trincado/AHPP)
  • 05.07.1900: Venda de herdanza de Amado Garra a Wenceslao González Jimeno (Bernardo Trincado/AHPP)
  • 06.08.1903: Retrovenda de Severina Lalín (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 06.08.1903: Venda de Severina Lalín a Nicasio Blanco (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 06.08.1903: Venda de Severina Lalín (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 26.10.1903: Poder de Pedro Aguerre Somoza (Antonio Viñas/…)
  • 29.10.1903: Venda de bens de Ribadavia (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 01.11.1903: Venda de Juan Garra Castellanzuelo (Domingo Enrique Aller/AHPP))
  • 01.01.1904: Poder dos irmáns Aguerre Somoza e Wenceslao Garra (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 20.05.1905: Venda de bens de Ribadavia (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 05.08.1907: Venda de Aurora Garra Martínez a Manuel de la Torre Pampín (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 10.11.1907: Ratificación de débeda de Concepción Aguerre e Arturo Blanco (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 30.03.1908: Venda de Nicasio e Arturo Blanco Rodríguez (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 21.07.1908: Poder de Arturo Blanco Rodríguez (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 31.12.1909: Acta sobre asuntos electorales de Arturo Blanco Rodríguez e outros (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 16.09.1911: Venda de Aurora Garra Martínez a Pedro Aguerre Somoza (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 12.11.1912: Permuta de bens de Aurora Garra Martínez e Manuel García Diéguez (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 03.06.1914: Poder de Arturo Blanco Rodríguez e José Blanco Aguerre (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 20.07.1914: Permuta de fincas de Arturo Blanco Rodríguez (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 25.04.1915: Venda de herdanza de Wenceslao Garra Somoza a Nicasio Blanco Rodríguez (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 25.04.1915: Obriga de devolución de empréstimo de Juan Garra Castellanzuelo a Arturo Blanco Rodríguez (Domingo Enrique Aller/AHPP)
  • 28.12.1919: Testamento de Nicasio Blanco Rodríguez (Casares Bescansa/AHPP)
  • 05.04.2021: Novación de contrato de Elisa Aguerre e Nicasio Blanco e Concepción Aguerre e Arturo Blanco (Cándido Calvo Cambón/AHPP)

Cadros xenealóxicos

Familia Hirigoyen
Familia Aguerre/Garra Somoza

4 pensamentos sobre “Inicio

  1. Un artigo moi ben redactado e documentado, moi interesante para coñocer a historia do inicio da industria en Lalín e tamen como era a sociedade desa época.

    Gústame

Deixar un comentario

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos